Elite Barber Shop: tradición e modernidade
Entramos nun local luminoso, cun par de sofás moi cómodos no recibidor, onde predominan as cores negras e douradas. Á esquerda, unha mesa de billar con tapete azul; de fronte, unha neveiriña con bebidas. Soa música chill out. Non estamos nun bar, senón en Elite Barber Shop, un salón de peiteado masculino situado na Gran Vía que abriu as portas o pasado mes de marzo.

O obxectivo do seu xerente, Ángel Alberto, é que ao cruzar a porta os clientes se sintan coma na casa. Todos estes elementos fan que acudir a este salón sexa máis unha experiencia de autocoidado e socialización que unha mera cuestión estética que cómpre que facer cada certo tempo. A realidade é que nos últimos anos asistimos a un cambio de concepción no ámbito das barberías: a desaparición de tabús que relacionaban os salóns de peiteado só coas mulleres, a maior conciencia da propia imaxe, a especialización destes espazos e o ambiente distendido fan que, segundo sinala Ángel, agora os homes acudan quincenalmente no canto de unha vez ao mes.

Nenos e maiores son moi ben recibidos en Elite Barber Shop cuns prezos moi axustados. As peticións máis habituais son os degradados, os arranxos da barba, as decoloracións e as mechas, ademais de cortes de deseño para os máis atrevidos. Inclúese no prezo de cada corte a auga, o café ou a cervexa que se lles ofrece a cada cliente nada máis entrar. Os amentados barbeiros non escatiman en detalles: dedícanlle sobre media hora a cada usuario, utilizando unha boa variedade en máquinas de afeitar, navallas, peites, tesoiras e todo tipo de produtos para o pelo. A busca dos estilos máis modernos non está en guerra coa tradición. A navalla, tan habitual hai décadas, volveu para rasurar con precisión e de xeito duradeiro tanto barba como cabelo. Unha experiencia de elite.


Avenida da Gran Vía, 152 | 986 00 15 08 | @elitebarbershop.vigo | Reservas: elitebarbershop100.booksy.com
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- ‘As liñas descontinuas’ de Anxos Fazáns leva Vigo á gran pantalla - 23 Febreiro, 2026
- DGO: pendentes de ti - 9 Febreiro, 2026
- Mussa – The Pilates Center: terapeutas do movemento - 9 Febreiro, 2026
- Empezar o ano con bo pé: cinco centros onde coidar o noso corpo - 9 Febreiro, 2026
- Faro Cómics: un novo espazo para a banda deseñada ilumina Camelias - 6 Febreiro, 2026

