Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa
Este xoves 7 en La Fábrica de Chocolate o grupo Foggy Mental Breakdown, nado en Vigo en 1991, reúne aos todos os seus membros históricos para repasar a traxectoria dunha das bandas locais underground máis relevantes e influintes dos anos noventa. Podes mercar a túa entrada anticipada por 12 euros en Discos Elepé ou Honky Tonk ou na porta do local por 15 euros.
En 1991 un grupo de adolescentes do Calvario apaixoados polo rock xuntábanse na que era a súa primeira experiencia musical e decidiron chamala como unha canción do grupo Steppenwolf: Foggy Mental Breakdown. Comezan como cuarteto e aos poucos vanse sumando novos músicos. Así, nesa primeira formación atopamos a Óscar Liboreiro (voz), Óscar Avendaño (baixo), Rubén Suárez (guitarra), Xabier Viéitez (teclado), Diego de Luis (betería) e Eladio Santos (guitarra). Estes nomes participarían, anos máis tarde, en grupos como Siniestro Total, Trem Fantasma, The Bo Derek’s, High Sierras, Brandell Mosca, Family Folks, The Merry Melodies, The Soul Jacket, Transilvanians, Eladio y los Seres Queridos, Los Tres Sudamaricones ou Medusa, entre outros.
Esta rapazada, que non deixaba de descubrir nova música a través de Radio 3, do programa A Trincheira ou dos discos que mercaban no Mini Rastro da rúa Pino, comeza dun xeito amateur e pouco a pouco van profesionalizándose, sempre dentro da filosofía punk faino ti mesmo (do it yourself en inglés). Os ensaios eran primeiro no baño do piso dos pais de Rubén e despois mudaron ao baixo da casa dos pais de Xabi, preto de Peinador. Rubén Suárez, que comezou a acudir daquelas a clases de guitarra clásica, lembra a primeira vez que tocou unha eléctrica: “Foi en casa de Eladio, que tiña unha guitarra Framus con forma de frecha e un pedal de distorsión. Naquel momento Eladio era Deus, todo o mundo quería ir á súa casa. Lembro enchufar a guitarra, tocar o ‘Blitzkrieg Bop’ dos Ramones e pensar ‘isto é a caña!’“. Un par de anos despois deste momento iniciático, Eladio súmase ao recén formado Foggy Mental Breakdown, que compaxina co grupo de hardcore Juerga General.
En 1992 gravan a primeira maqueta, Worn Out Mind, onde xa se intúe o estilo que definirá a súa traxectoria: unha mestura de hard rock, garage sesenteiro e un aire sinistro e escuro. Ese cóctel tan particular é un dos seus sinais de identidade e o que fai que vaia gañando adeptos. “O grupo foi un punto de inflexión entre o que se facía antes e o que se fixo despois en Vigo, grazas a esa amalgama de sons underground e espítiu punk”, explica Xabier Viéitez, teclista na primeira etapa de Foggy. O propio Viéitez foi o primeiro en deixar o barco en 1993: “Sentía que os demais avanzaban moi á présa e a min aínda me faltaba un chisco para alcanzar ese nivel. Iso causoume bastante angustia e agobio e decidín deixalo”, explica. Rubén pensa que, máis que falta de nivel, o problema quizais foi que eles tiñan o volume das guitarras moi alto e que Xabi non podía escoitar o seu propio órgano autoamplificado nos ensaios: “Eramos uns flipados e uns avasaladores”, lembra.
O certo é que na seguinte década, ata 2003, Foggy contou con ata sete formacións distintas, con Rubén Suárez e Óscar Liboreiro como únicos membros permanentes. Neses anos realizan algo máis de 100 concertos e realizan diversas gravacións, aínda que só un único disco oficial: Bizarre bizarre (1997). En 2008 houbo unha xira de reunión que durou tres anos. Aos xa amentados, sumamos ao currículum de Foggy os nomes de Paulo Pascual, Manuel Santamaría, Pablo Muñiz, Pedro Berbel, Ari e César Salgado.
A reunión definitiva
Este xoves 7 veremos sobre o escenario de La Fábrica de Chocolate, en tres formacións distintas, a todos os membros que nalgún momento formaron parte de Foggy Mental Breakdown, agás a baixa de última hora de César Salgado por motivos de saúde. Un evento histórico para a música viguesa, especialmente no referido aos anos noventa, esa década que en ocasións semella esquecida por ter chegado xusto despois da explosión da Movida. No primeiro bloque actuará a formación máis tardía, a de 2008; no segundo a maioría dos membros que gravaron o único disco da banda (cambiando a Eladio por Paulo); e, por último, a formación orixinal do primeiros tempos.
Xabi e Rubén non dubidan en sinalar a Diego de Luis, o batería, como o principal instigador desta reunión: “Case todos os anos intenta xuntarnos, e mesmo creamos un grupo de Whatsapp onde iamos compartindo versións que nos gustaría facer… pero sempre quedaba en nada”, di Rubén. Ata este ano. Outro elemento que influíu nesta xuntanza foi o recente libro publicado por Óscar Avendaño, Lo tengo en vinilo, onde repasa a súa vida a través dos discos que máis o marcaron. Este exercicio de procura interior axudou a prender aínda máis a mecha, tanto que Eladio comezou a remasterizar gravacións antigas de Foggy que tiña na casa.
Todos estes elementos conflúen este xoves 7 de novembro nun evento único, malia que non pechan a porta a posibles futuras actuacións: “Un concerto como este non se vai repetir porque imos estar todas as formacións xuntas, dez persoas en total. Non descartamos que poida xurdir algún bolo máis, pero habería que escoller algunha das formacións porque habería que cadrar todas as axendas que hai xente que vive fóra de Vigo”, conta Rubén.
Se queredes saber aínda máis sobre esta interesante banda local, existe un programa especial do podcast Phonotoner no que Rubén vai contando a historia do grupo mentres soa a súa música. Podes escoitalo aquí.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024