CAMELIAS MASCOTAS

Arranca o festival Cineuropa con forte presenza viguesa

Este venres 6 comezaba o festival Cineuropa en Santiago de Compostela, que celebra a súa 34ª edición nun contexto do máis complexo: aforos moi reducidos e peches perimetrais nas grandes cidades galegas. Con todo, o certame continuará ata o domingo 22, e na sección Panorama Audiovisual Galego atopámonos con varios cineastas de Vigo e a súa contorna.

Fragmento do cartel de A poeta analfabeta, de Sonia Méndez | Lara Lars

Aínda que seguramente estean ante a súa edición máis difícil, Cineuropa propón unha interesante programación para as próximas dúas semanas. Centrarémonos na sección oficial Panorama Audiovisual Galego, que este ano está marcada pola presenza de dous Premios Cineuropa: Alfonso Zarauza con Ons e Margarita Ledo con Nación.

Xa no apartado local, podemos destacar os nomes de Pablo Fontenla, Lara Alonso, Pablo Vázquez, Sonia Méndez e Ángel Filgueira e Marta Valverde, estes dous últimos de Redondela e Nigrán, respectivamente. Como novidade de última hora, Cineuropa habilitará a posibilidade de ver estas curtas en directo en streaming, é dicir, que estarán dispoñibles en liña á mesma hora á que se proxecten en Santiago a través da canle de YouTube de Compostela Cultura. Unha moi boa oportunidade para gozar do cinema autóctono sen saír da casa.

De Pablo Fontenla poderemos ver Helsinki 79, un divertido falso documental que xa gozamos na edición do ano pasado de festivais como o Galician Freaky Film Festival e o Festival de Cine Inclusivo de Vigo. O filme versa do éxito colleitado por unha parella de músicos españois en Finlandia ao longo das décadas. Unha sorte de Searching for Sugarman á galega e á finesa. Terá lugar o xoves 19 ás 16:00 nos Numax.

Lara Alonso preséntanos o seu Traballo de Final de Grao Onde estamos nós, a outra ollada do cinema, un documental feminista, de carácter testemuñal, que ten como obxectivo visibilizar a obra audiovisual dalgunhas das directoras máis recoñecidas do ámbito galego. Entre elas atopamos a varias realizadoras viguesas como Noemí Chantada ou Xisela Franco. Será o venres 13 ás 16:00 en Numax.

REVISTA NOVEMBRO

No caso de Pablo Vázquez, estreará o seu segundo documental The Death: el reencuentro, un traballo moi persoal e alegre no que rescata un filme de terror caseiro gravado polos seus mellores amigos da infancia hai 15 anos. Ademais, aproveita para sinalar a importancia desta obra á hora de comezar a facer cinema. Será no mesmo pase que o anterior filme.

Sonia Méndez tráenos unha fermosa historia de loita, feminismo e literatura con A poeta analfabeta, un filme documental que retrata a unha muller fascinante: Luz Fandiño. Poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Aos seus 88 anos Luz é testemuña viva das realidades máis duras do século XX, por ser muller, por ser emigrante, por ser pobre, por ser roxa. O fermoso cartel, por certo, é obra da viguesa Lara Lars. Haberá dobre proxección: o xoves 12 ás 20:15 e o venres 13 ás 18:15, a primeira no Salón Teatro e a segunda en Numax.

Ángel Filgueira e Marta Valverde (unha das creadoras do espazo artístico F**k This Studio) presentarán Burdeos-Porto, un documental experimental sobre dúas cidades e dúas historias de amor. Poderemos velo o xoves 12 ás 16:00 nos Numax.