VIALIA
bannerPicnicSesions

De esquecidas a heroínas

REVISTA ABRIL

A artista viguesa Lara Lars pasou na cidade o 8 de marzo do pasado ano por motivos persoais. O azar fixo que se unise á concentración do 8-M, creando para a ocasión unha colaxe que sería a primeira de moitas e que se convertería nunha tradición en todas as concentracións polos dereitos da muller ás que acudise. Esta anécdota móstranos que a obra da devandita artista nace da necesidade, do gusto por recortar antigos flyers e crear, unindo anacos case con agulla e dedal, pequenos monstros de Frankenstein cun toque kitsch. O azar tamén fixo que, anos atrás, mentres estudaba arquitectura, uns amigos que traballaban con fotografías antigas de Vigo lle propuxesen modificalas. Ela engadiu a estas fotos uns ovnis e, case sen quer, determinou o fío que ía marcar a súa carreira.

A obra de Lara é marcadamente feminista, nela usa iconas xa caducas para retratar a realidade máis actual. Escolle como centro ás mulleres floreiros da publicidade dos anos 50, sempre á sombra dos seus maridos, para reivindicalas e convertelas nas heroínas das súas propias historias, situándoas agora no foco da representación, entre cores vivas, edificios brutalistas e extraterrestres; dotándoas a todas elas dunha forza extraordinaria.
Un exercicio de xustiza e sororidade que lles devolve ás mulleres de antes o lugar que sempre deberon ocupar. Tamén escolle mulleres que romperon coa norma do seu tempo atrevéndose a ir un paso máis aló, como a nosa poeta Rosalía. Nas colaxes de Lars o gusto polo vintage, pola arquitectura e pola serie B é notorio e, grazas a estes elementos, a priori inconexos, crea unha narrativa cargada de ironía, crítica contra os roles das mulleres que aínda prevalecen na nosa sociedade, e mesmo de política. Entre as súas colaxes podemos atopar paisaxes urbanas que nos soarán, como a Gran Vía, o aeroporto ou a Ponte de Rande. A pesar da impoñente paisaxe urbana, as mulleres sempre aparecerán retratadas a unha escala maior, case como demiúrgos que ordenan o ambiente namentres conviven cun imaxinario fantástico entre o retro e o futurista.

Se che interesa a obra desta veciña nosa, non esperes máis para visitar a súa web persoal, laralars.tictail.com, onde atoparás numerosos traballos nos que as mulleres e o skyline galego son protagonistas. E se xa non podes aguantar máis para ter no teu salón una das súas pezas podes pasar pola tenda Vaidhe, no número 7 da rúa de Carral, para adornar o teu fogar cunha muller de outrora cargada dos ideais polos que as mulleres loitamos a diario nestes días.

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.