Arte para tirarse dos pelos, tamén en Berlín
A perruqueira Sara García, coñecida polo seu bo facer coas tesoiras e activismo no sector cultural, traslada a súa redidencia a Berlín e inicia un proxecto de sinerxia artística entre a cidade alemá e Vigo, ao tempo que mantén aberto o seu salón de peiteado, PeluqArt, na nosa cidade.
“Sempre envidiei o pulso cultural que ten a cidade de Berlín”, di a coñecida perruqueira. Seguramente por iso non dubidou en facer unha entrevista nunha barbería desa cidade cando unha amiga lla enviou por Instagram. Convenceuna todo da nova oferta: condicións salariais , “nada que ver co que se gaña en España”; a idea de mudarse a unha cidade que sempre lle gustara e o ambiente do seu novo espazo de traballo. “É totalmente o meu rollo: unha barbería queer que ten ademáis cafetería, espazo para programación cultural e performance e estudo de tatuaxes”.
La BarBer é unha barbería rexentada por españois que se identifican coa filosofía queer e a identidade de xénero non-binaria, algo relevante cando falamos de persoas que modelan o aspecto dos seus clientes. Pero o máis interesante da nova etapa de Sara é que non ten pensado deixar de apoiar os creadores vigueses. A primeira exposición galega que verán os berlineses será a do fotógrafo analóxico Negralente (Alexandre Folgoso). Despois ten pensado amosar artistas que xa pasaron por PeluqArt nestes anos. “Falei, por exemplo, con Lupita Hard, de quen levarei obra, pero tamén pretendo que visite o espazo e faga algunha performance. Eu pagaríalles avión e aloxamento”.
A súa mudanza non conleva o peche de PeluqArt, a perruquería que abriu hai oito anos en Rúa Couto Piñeiro. Nese mesmo local seguirán “soas ante o perigo” as súas dúas empregadas, Alba Iglesias e Tania Ballesteros, aínda que Sara predí que fará visitas periódicas para traer ata aquí todo o que vaia aprendendo no seu novo centro de traballo e continuar sendo a perruquería de vangarda que o local leva no ADN.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024