VIALIA
PLAYDOC

Sara PeluqArt: ‘Hai que aceptar e permitir que o novo consumo cultural será a través da pantalla’

A Sara García, a cabeza de PeluqArt (que debe ser lido ‘peluquearte’) a arte das tesoiras venlle de familia, pero a súa non é unha perruquería ao uso. Malia que nunca pisárades o seu salón de peiteado, seguro que vos atopastes co seu logo nos faldóns de moitas actividades culturais da cidade, pois Sara é unha das grandes impulsoras e mecenas das artes locais. As sesións vermú de Cíclika, o teatro Gorrilla de La casa de arriba , as manualidades kink en Simia ou o seu propio festival o Peluca Fest (cuxa última edición tivo que cancelar) son só algunhas das iniciativas que se beneficiaron do seu bo facer.

Sen dúbida o teu é un negocio orixinal, unha perruquería á que a xente tamén pode ir ver unha exposición, asistir a unha sesión de microteatro, tomar un vermú ou facer un intercambio de roupa. Como te convertiste en xestora cultural?

Sempre me considerei máis artista que perruqueira e por iso, sen ánimo de xulgar, nunca empaticei demasiado co meu gremio. Como o que máis me gusta da miña profesión é o contacto coa xente do barrio, escoitar aos meus clientes fíxome consciente da cantidade de potencial escondido que hai na cidade e un día decidín comezar a programar no meu espazo. Diso hai xa catro anos, desde entón levo centos de actividades programadas e apoiadas en Vigo.

Puidemos verte por redes sociais continuando a túa labor tanto coas tesoiras como promovendo iniciativas sociais. Por que decidiches non parar?

Creo que hai dous motivos fundamentais, ambos algo involuntarios. O primeiro é que son hiperativa diagnosticada, necesitaba non parar. O segundo é que as cousas me viñeron dadas. No tema cultural, Erea de Conxeito e eu xa tiñamos pensado facer unha acción, e foi o momento de facela de online. Adapteime ao novo medio e teño que dicir que non me supuxo traballo.

En canto á perruquería tiven unha experiencia agridoce. Comecei facendo o que a lei me permitía: atención en domicilio a persoas con mobilidade reducida, pero todo se complicou. Cando Faro de Vigo me sacou en portada, empecei a recibir ameazas do sector, acusándome de pouco compañerismo. Ao mesmo tempo as clientas me rogaban con insistencia que as atendese. Nese momento decidín parar e ser perruqueira únicamente cos meus compañeiros de piso e eu mesma. O resultado é que agora teño o pelo azul.

Como afronta a volta á normalidade un servizo que implica contacto humano?

Aínda adaptándome, pois está claro que eu non podo traballar a dous metros. A min gústame o visagismo e que os estilismos se amolden ás faccións. Unha máscara dificulta moito iso, pois todas as persoas vólvense iguais de nariz para abaixo. Tamén é complicado cortar con guantes. Por outra banda é unha atención máis personalizada que nunca, pois non podo atender a máis dunha persoa á vez e iso me está obligando a coñecer máis ás miñas clientas ao tempo que supón un esforzo mental maior. Hai que guiar a conversa durante moito tempo, procurando non caer nos tópicos, maiormente negativos nestes tempos, unha e outra vez. É un novo estilo de atención ao público, que en liñas xerais estou desfrutando.

Que botades en falta á hora de volver ao traballo?

Boto en falta programar. PeluqArt sempre será un espazo para as artes locais e non vexo o momento de volver reunirnos no local. En canto á perruquería, estamos tendo moito traballo, a axenda está chea e as xornadas laborais son longas.

Que aporta Peluqart neste novo escenario?

Creo que as perruquerías temos o poder de xogar coa autoestima da xente e isto nos permite mellorar o ánimo da nosa clientela. Cando nos vemos ben, a enerxía e a actitude melloran. A actitude é todo.

REVISTA ABRIL

Como ves o panorama cultural en Vigo nos próximos meses?

Que diferente vai ser todo! Isto é unha nova era. Hai que aceptar e permitir que o novo xeito de consumir cultura será a través da pantalla. Os aforos van ser tan limitados que seremos poucos os afortunados en presenciar unha obra en vivo. Eu non creo que volvamos ao de antes, polo que me custa utilizar o termo normalidade.

Esta entrevista forma parte da serie #HistoriasDaDesescalada, un retrato por fascículos sobre como a cidade de Vigo esperta na ‘nova normalidade’ no que aportaremos os puntos de vista dos diferentes actores culturais, desde artistas a axitadores, sen esquecer as salas e a todos aqueles que, dun xeito ou outro, fan a súa achega diaria ao ecosistema cultural vigués.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.