ASNEVES
REVISTA MAIO

Se (aínda) non che gusta a electrónica, Furiosa (tamén) é para ti

A Sala Kominsky acolle o sábado 9 de setembro o festival Furiosa, unha xornada para achegar a música electrónica a todos os públicos. O evento comeza ás 12:30 do mediodía, prolongarase ata a madrugada e incluirá sesións DJ e charlas. As entradas custan 6,00 € na entrada do local.

Nelo, máis coñecido como Pálida, durante unha actuación | Cedida

Dúas caras habituais da vida cultural da cidade, Rubén Romero, o home detrás da editorial Fosfatina e o festival No Tengo Mamá; e Nelo, coñecido artísticamente como Pálida, están detrás de Furiosa, un festival que quere sacar a electrónica da escuridade e presentarlla á cidadanía como un estilo de música que se relaciona con outros xeneros e pode ser desfrutada en horarios e situacións variadas. “A electrónica está ligada a unha parte da noite e un comportamento pouco positivo e queremos que a xente se desfaga dese estigma”, explica Nelo.

Neste labor evanxelizador da música de baile, este sábado, 9 de setembro, organizan o festival Furiosa, nun horario e lugar pouco probables para a electrónica fóra da súa iniciativa. A festa comeza ás 12:30 h na Sala Kominsky e prolongarase ata as 4 da mañá no mesmo espazo. Durante estas 16 horas de programación poderemos, por suposto, bailar coas picadas e live sessions do propio Pálida (que abrirá a xornada substituíndo a John Axiom), Yuraq Walla, Garrita e Frpinkl; pero tamén desfrutar sentados da escoita de música de estilo ambient e dub, co DJ vigués Vrika e o lugués Javier Marimón.

O músico vigués Mateo Mena ofrecerá un laboratorio sonoro no que, a partir de coñecementos da tecnoloxía do son e con moito humor, ensinará aos asistentes a construír pequenos artefactos artesanais cos que producir sons electrónicos. O taller é gratuíto para os que merquen a entrada do festival, pero está limitado a 15 asistentes, polo que se recomenda aos interesados anotarse con antelación. Previamente celebrarase un coloquio para compartir impresións sobre xestión e articulación do clubbing. Para repoñer forzas, contarase cun posto de petistcos de autor do restaurante Niño Corvo, que estará instalado na rúa fronte á sala.

Fixeron o primeiro festival Furiosa en decembro de 2019 e Nelo enche o peito ao afirmar que “a oferta clubbing da cidade creceu e se diversificou desde entón, con propostas como as festas Flux na Mondo, as Overdose na Molotov ou as noites de dub na Kominsky”. Na súa segunda edición, en febreiro do 2021, programaron durante tres días e entrou como sala a Kominsky. “E iso que a Ana [dona da sala] non lle mola a electrónica”, comenta divertido, “pero é tan riquiña que ata nos conseguiu os patrocinadores”.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.