De ruta en agosto polo Castelo de Soutomaior e pola Fervenza de Callobre
Os Viñedos do Castelo, unha ruta que terá lugar en Soutomaior os días, 20, 21, 27 e 28 de agosto e 3 de setembro, súmase ás xa coñecidas Depoandainas, que o 30 deste mes percorrerá a Fervenza de Callobre, na Estrada.
Unhas das cousas que máis presta facer con bo tempo é ir de ruta polas fermosas paraxes galegas. Desde hoxe xa se pode un inscribir no roteiro Os Viñedos do Castelo, unha iniciativa para achegarse ao Castelo de Soutomaior que combina historia cun percorrido polos viñedos, cata do caldo “Pedro Madruga” e espectáculo teatral a cargo de Rosso&Bianco. Terá un custe de 8€ e as inscricións poden realizarse premendo aquí.
A actividade, cunha capacidade máxima de 15 persoas, durará 90 minutos e comezará cun paseo guiado pola senda dos viñedos de Soutomaior, a cargo de persoal propio de turismo que achegará a experiencia natural do percorrido. Deste xeito, ao longo do traxecto explicaranse cuestións relativas ás orixes do viño, á DO Rías Baixas e as súas subzonas (destacando a de Soutomaior), así como sobre os tipos de uvas e o proceso da vendima.
Tralo percorrido pola senda dos viñedos, terá lugar unha cata do viño “Pedro Madruga”, que sae das mesmas cepas do Castelo de Soutomaior. Ademais, esta última parte de degustación estará amenizada por Rosso&Bianco (o dúo cómico formado por David Carrera e Alberto Antelo) e a súa peza teatral “Albariño Edition”, un monográfico sobre o viño albariño dende un punto de vista persoal, divertido e refrescante.
Por outra banda, a segunda ruta da quinta edición das Depoandainas terá lugar este 30 de agosto, e percorrerá a Fervenza de Callobre, na Estrada. A inscrición, que é gratuita, pódese realizar desde hoxe premendo aquí. As prazas ofertadas serán 200, que na primeira andaina se esgotaron en menos de 24 horas.
No caso de non poder asistir á andaina, as persoas inscritas deberán comunicarllo ao Servizo de Deportes antes do peche da inscrición enviando un correo electrónico co nome e o DNI a deportes@depo.gal. Deste xeito, pasará a ocupar a súa praza unha persoa da lista de agarda. De cara ao mes que vén, a Deputación ten programada a terceira destas Depoandainas, que terá lugar pola Ruta do Val das Fadas, no concello da Cañiza. Esta ruta realizarase o 20 de setembro e as inscricións para poder realizala estarán abertas a partir do 31 de agosto.