bannerCulturgal

Aberto o prazo de inscrición para a primeira Depoandaina polos Muíños da Fraga

Volven as Depoandainas, o programa gratuíto da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable e a promoción do turismo, sempre co máximo compromiso cara o Medio Ambiente. A primeira será o 9 de agosto pola ruta dos Muíños da Fraga en Moaña.

Desde este luns 20 poderemos inscribirnos de maneira gratuíta á primeira Depoandaina, que transcurrirá o domingo 9 de agosto pola ruta dos Muíños da Fraga en Moaña. As persoas interesadas en asistir poden anotarse a partir das 9 horas na web da institución provincial (www.depo.gal) ata completar o límite das 200 prazas. Aquelas persoas que se apunten con posterioridade (ata un máximo de 100) pasarán á lista de agarda. O prazo para inscribirse, de non completarse antes o aforo, remata o 3 de agosto ás 12 horas.

A Ruta dos Muiños da Fraga é unha camiñada de 9,7 quilómetros de itinerario circular e dificultade media. Coas novas medidas de seguridade derivadas da Covid, os e os participantes deberán desprazarse ao punto de partida da ruta, onde se lles asignará un monitor e un grupo. Estes serán reducidos, cun máximo de 25 persoas. En caso de non poder acudir, prégase enviar un correo electrónico co nome e o DNI a deportes@depo.gal.

A iniciativa oferta tres camiñadas por algúns dos enclaves máis emblemáticos da provincia ao longo do verán, dirixidas a todas as persoas independentemente da súa idade, e que contarán con 200 prazas cada unha. Despois desta primeira camiñada, a seguinte ruta será o 30 de agosto pola Fervenza de Callobre, no concello da Estrada. Para esta andaina, as inscricións abriranse o 10 de agosto. O último itinerario será o 20 de setembro polo Sendeiro das Fragas e Levadas do río Calvo e Deva, no concello da Cañiza. Neste caso, a apertura do prazo para anotarse comezará o 31 de agosto.

bannerAfundacion

Compartir
X