CAMELIAS MASCOTAS

‘Fume de paipa’ por Xurxo Martínez

Santo Agostiño abraiárase coa resposta dun pequecho que pretendía meter toda a auga do mar nun burato de area. Así comprendeu o diminuto da súa intelixencia para alcanzar a inmensidade divina.
Pero ambos, pícaro e adulto, non sabían que o mar entra nunha caracola. En cantas xornadas estivais, na praia de Patos, apañei buguinas para escoitar a voz do mar cos ollos pechos, como poemas de Sophia de Mello. Ao abrilos, Monteferro parecía un león deitado a durmir entre a brisa mareira. En Rianxo os bucios atraparon versos ximnásticos con esmalte de salitre. Arrimemos os ouvidos para escoitar Manuel Antonio. Coas pálpebras dobregadas percibimos o chuchar da paipa e, tras escoitar un ou aqueloutro cantar lírico, pola boca sáenos o fume negro. O mar dominou a súa pluma de rebelde. As follas organizáronse De catro a catro (1928) para seren unha dádiva á vida marítima. Sete estrelas como sete sacramentos que alumean a cuberta do libro. O pailebote, cos tres mastros de veas ao vento e foques na proa, partiu de Vigo.

Os peixes nadan ceibos sabedores de seren de dimensións imposibles para as adegas. O poemario é universal. Non hai localizacións agás unha: Vigo. O único topónimo citado. A cidade que o abrazou mentres el, vangardista irrepetible, bruaba con mal xenio. Ao chegar, odiouna á vez que escribiu: «se cadra, chegarei a deberlle moito». Tivo piso no Paseo de Afonso XII, número 15. Embaixo, polo Berbés, brincan soldados e mariños chegados doutras partes coas súas linguas. As noites de berros alcólicos, sexo e pelexas. Os cabarés, as tascas, os micos, as patelas, as cuncas de liñas malvas do viño rebaixado con auga.

REVISTA NOVEMBRO

Manuel Antonio pisou estas pedras acuáticas e atendeu cada fonema noctámbulo. Vigo foi peirao de partida e de atraque. Aquí estudou Náutica e escribiu versos. Puxo a man militante a prol das Irmandades da Fala que se xuntaron no Tamberlick en 1921. Asinou «Terra Ceibe!», manifesto irreverente (adianto do Máis Alá!) contra a corporación viguesa que denegaba o ondular da bandeira galega polo 25 de xullo. Co seu bigode fino, liña de horizonte, pasaba polo Derby. Alí axudárono para enrolarse no «Constantino Candeira» e así cumprir coas requiridas prácticas de piloto. Nese pailebote trazou versos resistentes ao tempo. Non os escoitas? Achégate a buguina rianxeira, pecha os ollos e atende:

Fomos ficando sós
o Mar o barco e máis nós.

Por Xurxo Martínez González
Escritor e investigador

[Este artigo pertence á revista A movida de Xuño. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]