REVISTA OUTUBRO

‘Recendo de mazá’ por Xurxo Martínez

Antes, nas casas humildes, o día da festa patronal era pura maxia. Pra esas ocasións vestían as mellores galas. O resto do ano traballábase de estrela a estrela. Pra ocultar os cheiros corporais, sen alcance de aerosois nin fragrancias parisienses, botaban man do que tiñan. A colonia era de pingas de limón. Os traxes gardábanse no caixón ou no armario con mazás frescas. A quen hoxe non lle presta no nariz ese olor e no padal ese sabor?

Na imaxinación de Álvaro Cunqueiro, Merlín vivía rodeado de mazás na súa terra de Miranda. Seica, e isto ouvinllo a alguén, facía igual o autor na súa morada da rúa do Marqués de Valadares. Alí morreu o 28 de febreiro de 1981. Cunqueiro invade un espazo de Vigo. Non se pode falar da historia local sen citalo. Aquí recalou en 1961, tras fuxir de Madrid (polémica mediante) e tras repousar como eremita na procura do rumbo da vida no berce de Mondoñedo. Axiña se incorpora á vida intelectual viguesa. Que célebres as colaboracións no diario Faro de Vigo! Crónicas deportivas, gastronómicas e até horóscopos que eran lidos con avidez. Despois ía tomar a chiquita á taberna de Eligio ou xantaba no restaurante El Mosquito. Por alí se vía do ganchete de Xosé María Castroviejo en conversas fantasiosas de lendas marítimas ou acaso dos centos de distintos sabores distinguibles na sacra carne do porco. En Vigo concentráronse honorables lucenses. De entre eles, Fernández del Riego foi o seu benquerido amigo. Á insistencia deste debemos a recuperación de Cunqueiro pra as letras galegas. Louvada sexa a persistencia do laurentino!

Don Álvaro dirixiu o Faro. Dende o despacho da rúa de Colón enfrontouse ao alcalde Rafael Portanet. A tensión levou ao concello a precintar varias máquinas impresoras. O resultado foi a marcha do xornal ao barrio de Angorén, parroquia de Chapela, concello de Redondela. E Portanet desfixo medio Vigo entre cacicadas e pelotazos urbanísticos. Hoxe, na literatura galega, Cunqueiro é escritor absoluto. Ninguén debera pasar por esta vida sen ler prosa ou poemas seus. En castelán obtivo igual éxito. Na vasta obra xornalística atopamos monumentos escriturarios. Se lles presta, recomendo El pasajero en Galicia. Cunqueiro, xa doente, recibiu homenaxe no desaparecido hotel Samil. Alí pronunciou a frase convertida na consigna pra «que Galicia durase mil primaveras máis». Coa súa obra fíxoa eterna. Cada vez que paso por Mondoñedo acudo á tumba de Álvaro Cunqueiro deixarlle unha flores frescas, uns versos e unhas mazás. Con elas poderá sentir o olor dos grandes días da vida.

Por Xurxo Martínez González
Escritor e investigador

[Este artigo está publicado na revista A movida de marzo . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]