REVISTA ABRIL

‘Urbano Lugrís, titiriteiro’ por Xurxo Martínez

A voz parece saír da gorxa da mina. Os pícaros asústanse co alarido do monicreque do dragón. Tras do escenario, no parque de Las Cabañas, en Peniche, érguese un home pra revelar que todo é un xogo da imaxinación. As criaturiñas amedréntanse máis ben pola envergadura do titiriteiro. El é Urbano Lugrís. Deste titán da cultura galega escoitei varias anécdotas. A cada cal máis disparatada pro todas dunha bohemia extinta. Antón Patiño, en Urbano Lugrís (viaxe ao corazón do océano) (2007), recolle un feixe delas a carón dun estudo da súa obra e un relato da súa vida.

A pintura de Lugrís fascina. Os símbolos inundan os nosos ollos. O detalle hipnotízanos. Un océano de claves como xeroglíficos. E así pasamos as horas fitando nos lenzos e murais. Que magnífico o dedicado a Vigo no antigo grande hotel da Porta do Sol!O pintor doma o preciosismo cunha man poderosa, firme no pulso e hábil no debuxo. Por veces, nos seus lenzos sentímonos entre os dentes dunha balea que, como lle sucedeu ao profeta Xonás, nos leva aos fondos abisais e nos devolve á incerta vida real.

Se eu fose alguén, proporía un cartel á porta do museo: «Prohibido entrar con reloxo». Só así, lonxe da obsesión polo cálculo do tempo, gozariamos entre os peixes, as buguinas e os barcos afundidos creados por Lugrís. Despois sairiamos á superficie pra coller aire. Mais practiquemos o hábito de desentedernos do calendario e sermos nós ante a obra de arte, tal e como como recomendou John Berger.

REVISTA ABRIL

Lugrís tivo estudio preto da taberna do Eligio, lugar que frecuentaba. O corpo rendíase, entre cunca e cunca, ante unha mente extraordinaria. Pro quen nos dera escoitalo recitar os poetas clásicos, en grego ou latín, co rouco do peito e os beizos malvas! Pra pagar os viños deseñaba unha serea no pano da mesa. Morreu un 23 de nadal do 1973 no Nicolás Peña, hospital de beneficencia. O negro impúxose sobre a cor viva. A lápida, posta polo Concello de Vigo no cemiterio de Pereiró, móstrase cunha áncora pintada. A mesma coa que asinaba as súas obras.

A escritura de Lugrís tamén engaiola. Os textos están hoxe ao alcance grazas a dúas publicacións de Alvarellos Editora. Repasen eses versos de ouro e esas prosas de diamante. Déanlle unha oportunidade. Despois, vencellen as letras coa pintura. Urbano Lugrís acompañou como titiriteiro o grupo de teatro La Barraca, de García Lorca. Os dous comparten espazo na foto que teño diante miña. As misións pedagóxicas da República que levaron cultura a aldeas e vilas. Hoxe precisa volver ás cidades.

Por Xurxo Martínez González
Escritor e investigador

[Este artigo está publicado na revista A movida de decembro . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]