REVISTA ABRIL

‘Século de Nós’ por Xurxo Martínez

Cen anos non son nada. Un suspiro no vento da historia. Existimos dende hai milenios. Pro chegar a 100 é un logro porque sabemos da caducidade humana. Cada século dunha efeméride é festexado con ánimo. Pro á vez descabalgamos outras datas anteriores. A memoria é selectiva.

Vicente Risco, o detector dos nervios da nación, escribiu varios textos en 1920. A priori, distintos entre si pro demostrativos da paixón dunha época. Penso en U… ju… juu (poema futurista),

no que nos dedica versos: «Vigo [fita] os raña-ceos de Nova York/ GALICIA FOR EVER». Manoel Antonio débelle moito. Logo aparecería Teoría do nacionalismo galego, unha obra que deu sustento teórico ao galeguismo de preguerra. O groso da tese procede de Murguía e do programa das Irmandades da Fala. Pro Risco atopou as letras xustas pra dicilo e sinalou os retos concretos a conseguir. Fíxoo dende un sentir tradicionalista, non compartido por outros camaradas. O 30 de outubro dese 1920 saíu o primeiro número da revista Nós, órgano da cultura galega. Risco como director, Castelao como director artístico e Noguerol como administrador. Unha publicación conectada con Europa e co pensamento na patria. De aquí nace a etiqueta «grupo Nós», pra o que outros chaman definen como a «xeración do 16». Na escola estudamos estes escritores. Lemos os seus libros con máis ou menos apetito. Pro non soubemos dos músicos, pintores ou escultores. Este grupo foi amplo e produtivo coma un océano. En común tiñan a súa intelixencia ao servizo do país. Por que? Porque Galiza se desgaleguizaba, dixeron. Perdíase o que somos como pobo. É dicir: perdíase parte dun patrimonio mundial expresado na lingua, na arte, na paisaxe… Quen, agás nós, podemos soster este acervo?

REVISTA ABRIL

A xeración Nós modernizou a cultura galega. Pra iso confrontaron ideas cos adeptos ao folclorismo do século XIX. Estas tensións percíbense nas polémicas vividas no teatro galego, no manifesto Máis alá! ou no debate musicolóxico entre Xesús Bal e Leandro Carré. Sempre hai quen tira pra adiante e quen pon o freo. Medo ao cambio porque se teme que non sexa pra mellor. Hoxe estamos máis avanzados do que eles soñaran pro menos do que nosoutros soñamos. Así é cada xeración, pois somos parte dunha época. En ambos casos coincidimos en dúas cuestións: poñer o noso saber ao servizo común como remedio á desintegración da cultura, da lingua e desta a nosa Terra.

Todo está nas nosas mans. Depende de Nós.

Por Xurxo Martínez González
Historiador

[Este artigo está publicado na revista A Movida de outubro de 2020. Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]