CAMELIAS MASCOTAS

Jeffrey Gordon: «Cando cheguei a Galicia gustábame ver o Xabarín Club»

[Esta entrevista foi publicada na reportaxe Á reconquista da lingua, da revista de Maio do 2019. Pincha aquí para volver ao artigo principal]

Nado en Wichita (Kansas), veu a Vigo por amor hai 21 anos e segue a vivir aquí, onde traballa como profesor de inglés no Centro de Linguas da Universidade. Desde hai uns meses estuda galego na Escola Oficial de Idiomas, aínda que recoñece que a escrita e a parte oral estanlle a custar un pouco.

Coñecías Galicia cando estabas nos Estados Unidos?

Si, porque había un grupo de estudantes galegos de intercambio. Faláronme do idioma, dos costumes, da comida…

Que che parece Vigo?

En tamaño parécese a Wichita, pero Vigo é unha cidade máis compacta. Gústame o ambiente urbano do centro, pero tamén as aforas e as súas vistas. Nestas últimas dúas décadas Vigo mellorou moito, é máis accesible.

Por que decides aprender galego?

Dábame vergoña non poder falar galego, é o idioma de aquí. Moitas veces dábase a situación de estar con xente que falaba galego e comigo tiñan que falar en castelán. Eu son profesor de idiomas, xa que estou a dar clases de inglés tamén teño que dedicar un tempo a aprender galego.

Pensas que os anglofalantes sodes máis remisos a aprender idiomas?

REVISTA NOVEMBRO

Ten que ver coa historia e co poderío internacional. Non fai falta aprender un idioma novo cando todo o mundo fala o teu. Tamén España e Francia son malos exemplos nisto, aínda que aquí noto unha mellora no nivel de inglés nos últimos vinte anos.

Que é o que máis che gusta do idioma?

Gústame o sentido do humor. Lembro os meus primeiros anos en Galicia vendo na TVG programas como A repanocha, Pratos combinados ou o Xabarín Club. Tiña fillos pequenos e era o mellor que había para os nenos. Gustábame moito, porque era do meu nivel de comprensión e de humor, gustábanme a música, os debuxos animados… Tamén son seguidor de Carlos Blanco e Luís Zahera. Vounos ver sempre que veñen. A miña muller axúdame a entender algunha das bromas.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.