REVISTA ABRIL

Play-Doc acollerá as retrospectivas de Manfred Kirchheimer e Bette Gordon en setembro

O Festival Internacional de Cinema de Tui Play-Doc recupera o seu carácter internacional na edición de 2021 que terá lugar do 22 ao 26 de setembro. O certame acollerá unha retrospectiva do cineasta de orixe alemá Manfred Kirchheimer e da directora norteamericana Bette Gordon, ambos estarán en España por primeira vez para presentar a súa obra.

REVISTA ABRIL
O cineasta alemá Manfred Kirchheim | Cedida

O Play-Doc, referente no panorama estatal e internacional pola calidade dos seus contidos e coidada programación, recupera o próximo mes de setembro dúas propostas previstas, inicialmente, para a edición do ano 2020 que tiveron que ser canceladas pola crise sanitaria. Agora, coa proxección das obras de Kirchheimer e Gordon, e a súa presenza en Galicia, Play-Doc reforza nesta XVII edición o seu carácter máis internacional.

Ao longo da súa traxectoria, o Festival Internacional de Cinema de Tui destacou por ofrecer as primeiras retrospectivas de realizadores documentais consagrados; á vez que defendeu e promoveu o recoñecemento de magníficos cineastas cuxa obra resultaba descoñecida para a inmensa maioría. Un destes casos é o de Manfred Kirchheimer. A de Play-Doc será a súa primeira retrospectiva en España e de carácter internacional. Aínda que en 2017 o Museo de Arte Moderna ( MOMA) de Nova York dedicoulle un importante recoñecemento, e a pesar de que a súa obra viaxou por festivais de todo o mundo, será no certame tudense onde se mostrará a súa obra en conxunto e, por primeira vez, fóra do seu país de residencia. Así, aos seus 90 anos, o propio Kirchheimer estará en Tui para presentar unha ampla retrospectiva da súa obra, que inclúe tamén a súa película máis persoal e controvertida: We Were So Beloved (1985) comparada pola crítica coas monumentais Shoah (1985) de Claude Lanzmann ou Lle chagrin et a pitié (1969) de Marcel Ophuls. Así mesmo, Play-Doc presentará en estrea mundial algúns dos traballos máis recentes do cineasta alemán finalizados en 2021 e realizados durante a corentena.

A norteamericana Bette Gordon tamén estará por primeira vez en España. En Play-Doc poderase coñecer a súa obra no marco da intensa retrospectiva que mostrará os traballos que a cineasta realizou entre 1974 e 1983, e que inclúen propostas como Variety (1980), unha das películas independentes máis importantes dos anos oitenta convertida hoxe en día en película de culto. Marabillosamente interpretada por Sandy McLeod, nela participa unha longa lista de nomes icónicos da vangarda contracultural da época, como a fotógrafa Nan Goldin, a actriz Cookie Mueller e o actor Luís Guzmán.