VIALIA
bannerPicnicSesions

Recollida de firmas para a creación dunha canle Xabarín Club 24h

A plataforma A Mesa pola Normalización Lingüística está a realizar unha campaña de recollida de sinaturas para que o Xabarín Club, o programa infantil máis importante da historia da Televisión de Galicia, volva ás nosas pantallas. Queres colaborar? Pásate pola nosa oficina e déixanos unha firma!

A mediados dos 90 chegou a Galicia o porco bravo máis famoso do mundo da man do Xabarín Club, un programa que agrupaba multitude de series de animación internacionais dobradas ao galego. Non só iso, senón que contaba cunha restra de cancións propias dun altísimo nivel (que acabaron por converterse en himnos xeracionais) e cunha morea de socios e socias repartidas polo país.

O labor do Xabarín Club foi máis aló do mero entretemento, xa que conseguiu levar o galego aos máis pequenos da casa, chegando mesmo a bautizarse a esta rapazada como a “Xeración Xabarín“. Como ben comentou a cantante Sés nunha entrevista realizada en abril de 2019, “a normalización lingüística que conseguiu o Xabarín non a conseguiu ningunha política.”

Por iso mesmo, a plataforma A Mesa pola Normalización Lingüística lanza esta iniciativa para que o galego deixe de ser o único idioma do Estado sen unha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil. Por poñer un exemplo, a App do Xabarín lanzada hai uns anos leva sen actualizar desde o 2018 e xa non é descargable en dispositivos Android.

Se queres unha canle 24h do Xabarín Club e maior difusión da programación infantil e xuvenil da TVG, pásate pola nosa oficina en Rúa Celso Emilio Ferreiro 11, baixo esquerda, e asina os pregos que aquí temos. Esta proposta será levada perante o Parlamento de Galicia mediante proposta non de lei (PNL). Poderán participar todas as persoas maiores de idade empadroadas en Galicia e só se poderá asinar unha vez. Para máis información, visitar a web amesa.gal/xabarin

REVISTA ABRIL

Faite socio/a!

A continuación deixámosvos unha serie de artigos publicados na nosa revista de abril de 2019, na que celebramos o 25 aniversario do Xabarín Club:

Sen Vigo non podería ser, de Suso Iglesias
Camiñar o Vigo do Xabarín, de Valeria Pereiras
A banda sonora da nosa infancia, de Pablo Vázquez