CAMELIAS MASCOTAS

Catro escritores galegos lanzan ‘Oito mans’, unha proposta literaria interactiva

Ledicia Costas, Daniel Landesa, María Lado e O Hematocrítico irán publicando na conta de Instagram @Caramomia os capítulos desta historia dirixida a rapazada. Trátase dunha iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra e os mozos e mozas poderán ir decidindo o futuro das personaxes deste relato de misterio.

O próximo luns coñeceremos o primeiro capítulo de @Caramomia, a historia escrita a oito mans polos escritores Ledicia Costas, Daniel Landesa, María Lado e O Hematocrítico e na que os lectores tamén poderán participar. A Deputación de Pontevedra apoia esta iniciativa que naceu destes creadores na súa vontade de sacar algo bo do confinamento. “De pronto vimos a nosas axendas detidas e tras varios videovermús quixemos darlle unha volta a situación para seguir facendo o que máis nos gusta: crear“, explicaba Lado esta mañá na presentación por videoconferencia.

En total 24 episodios que se publicarán os luns, mércores, venres e sábados a través da conta de Instagram @Caramomia ao longo de seis semanas. A partir da segunda semana os rapaces poderán ir decidindo cousas importantes da trama a través dunhas enquisas que lanzarán a través da propia rede social. Tal e como explicaba Costas, “ademais dunha novela negra, onde os personaxes terán que emprender unha investigación arredor dun roubo no museo da cidade, este proxecto está concibido coma un xogo, un experimento colaborativo para que estas semanas de confinamento sexan máis levadeiras.”