CASAACUNHA

Estudantes da UVigo lanzan o programa #SomosCultura

A través da iniciativa de #SomosCultura, o alumnado da Faculdade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo pretende dárlle voz ao sector cultural galego a través de tres programas, que comezarán a emitirse a partir do próximo 2 de decembro.

Oliver Laxe nos premios Goya.

A través de tres capítulos de 20 minutos cada un, estudantes da Universidade de Vigo presentarán o proxecto #SomosCultura, que contará con numerosas entrevistas a profesionais dos moitos sectores culturais de Galicia. Cada episodio estará dividido en cinco bloques, que responden a diferentes formas de representación cultural: música, produción audiovisual, teatro, eventos e outros colectivos, como dobladores ou escolas de danza.

Estes programas consistirán en reportaxes narradas onde se combinarán entrevistas de profesionais do sector con imaxes que acompañen os seus comentarios e a narración. Adiántanos que algúns destes profesionais son Óliver Laxe, Lito Garrido ou Roberto Vilar. Tamén haberá presenza viguesa no eido das salas de concertos (con Pablo Lorenzo de El Contrabajo ou Quique Rodríguez de La Fábrica de Chocolate), nos grupos de música ou nas escolas de danza, aínda que polo de agora non coñecemos todos os seus nomes.

Banner A Movidiña

A pesar de ser xente nova, teñen as ideas moi claras e a súa proposta é unha iniciativa seria e con vistas ao futuro. De feito, xa teñen pechadas entrevistas a persoas que si que poden cambian realmente o panorama cultural galego: Jacobo Sutil, director de AGADIC, e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta.

Cun estilo fresco e dinámico, buscan pór en valor a cultura como un ben de primeira necesidade, poñéndolles cara ás persoas que viven dela e amosando as dificuldades que están a atravesar nesta crise sanitaria. Ademais, daráselle espazo a homes e mulleres de moi distinto status, comprendendo desde expertos consumados ata mozos que están a comezar as súas carreiras profesionais.

Aquí o primeiro episodio: