VEGANA

Hoxe arranca un club de lectura en galego no que participan os escritores

Atención afeccionados a lectura hoxe arranca na cidade un novo club de lectura en galego organizado por Palabra de Gatsby.

David González, licenciado en lingua e literatura española, acaba de lanzar esta iniciativa que arrancará no restaurante vexetariano El Jardín del Soja, que contará coa presenza da escritora Rosa Aneiros analizando a súa obra Resistencia.

De seguido, mañá, o día 24, no mesmo lugar, tocaralle o turno a Dores Tembrás e o seu micropoemario Auga a través.

As sesións promovidas por David estarán divididas en dúas partes; na primeira, os asistentes comentarán o libro proposto seguindo as pautas marcadas polo filólogo; na segunda parte, incorporarase o autor da obra comentada, que responderá a tódalas preguntas dos participantes.

Sobre Resistencia

Resistencia percorre a historia política e social de Portugal, a través da vida de personaxes pertencentes a varias xeracións, desde os anos vinte ata os anos noventa do século XX. Mercé ao relato, a través dunha voz narrativa omnisciente, preferentemente presentada en terceira persoa, que protagonizan os personaxes principais –Dinís e Filipa– artéllase un percorrido centrado na represión exercida en Portugal durante as dictaduras de Salazar e Marcelo Caetano e na actividade da resistencia clandestina antifascista; un pano de fondo fundamental entretecido co relato dun bo número de historias de amor, entre as que salientan a de Dinís –un obreiro da fábrica de vidro Irmáns Stephen– e Filipa –filla dun rico comerciante de Coimbra–. Dinís e Filipa namoran perdidamente sen calibrar as consecuencias. O Pinhal do Rei, no oeste portugués, converteuse no testemuño da vida. Pero ninguén pode escapar aos designios do tempo e a vida dos amantes viuse marcada polas adversas circunstancias políticas que desangraron Portugal ata a Revolu-ción dos Caraveis. Para os protagonistas a militancia política non foi unha opción senón unha esixencia e tiveron que pelexar contra a miseria e contra os seus propios sentimentos. E loitaron desesperadamente coa única arma da que dispuñan: a resistencia.

Sobre Auga a Través

Auga a través é unha crónica do asulagamento, real e simbólico, co que poder aproximarnos aos límites da esperanza, ao inevitable da catástrofe que mira de fronte, a ese mecanismo que se executa sen permiso na procura poética. Esta peza está fortemente vencellada ao filme Os días afogados, que relata o anegamento da aldea de Aceredo en 1992. As súas imaxes atravesan o proceso desta escrita.

Máis Info:

O custo é de 12 euros/mes.

A cuota inclúe unha pequena merenda e a primeira consumición no local.

REVISTA OUTUBRO

Inscripción e máis información en palabradegatsby@gmail.com