CAMELIAS MASCOTAS

A Rúa do Príncipe acolle unha exposición fotográfica de Cristina García Rodero

A fotógrafa, co apoio da Fundación Bancaria ‘La Caixa’, desprega ‘Terra e soños’ na rúa do Príncipe. Unha mostra fotográfica que reflicte a vida cotiá dos habitantes do Andra Pradesh, un dos estados máis marxinados da India e no que a Fundación Vicente Ferrer leva a cabo os seus programas de axuda ao desenvolvemento.

Cristina García Rodero é unha figura tutelar na fotografía española. A manchega foi a primeira persoa do estado en ser nombrada membro da prestixiosa axencia parisina Magnum, cando aínda poucas mulleres ostentaban ese honor e o seu curriculo inclúe ter gañado PhotoEspaña en dúas ocasións e o World Press Photo, ademáis de contar cun museo propio na súa cidade.

REVISTA NOVEMBRO

García Rodero, co apoio da Fundación Bancaria ‘La Caixa’ e o Concello de vigo exhibe estes días unha colección de fotografías tomadas durante unha viaxe ás comunidades rurais de Anantapur nas que a Fundación Vicente Ferrer leva a cabo programas de axuda para a poboación máis desfavorecida. A exposición é un retrato das condicións de vida seus habitantes, capturado en 18 fotografías de cores vibrantes que engaiolan pola súa calidade compositiva e gran formato.

Durante o mes e medio que a fotográfa pasou na India visitou hospitais, centros de acollida de mulleres, talleres, escolas e casas particulares, retratando nais, paisaxes campesiñas, vodas de diferentes relixións, marxinación e opulencia. Todo iso desde o ollar das mulleres, para darlles voz e poñer de relevo o seu poder crucial na transformación das comunidades onde viven. García Rodero soubo mergullarse no seu mundo, fundíndose na alegría e o sufrimento, do mesmo xeito que retrara Galicia na súa obra ‘Trastempo’ , hai xa 10 anos.

A mostra ocupará a rúa ata o 9 de abril e hai previstas visitas guiadas para o público en xeral cada sábado e domingo ás 12h, sen necesidade de reserva previa.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.