Sés: «O indie é froito do complexo»
[Entrevista publicada en abril de 2019, polo que contén datos sobre a anterior xira da artista. A cantante atópase agora presentando o seu seguinte traballo, ‘Liberar as arterias’, que poderemos escoitar o venres 6 de marzo no Teatro Afundación de Vigo]
María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, probablemente sexa a compositora en galego máis recoñecida dos últimos anos. Non en balde, ten colgado o cartel de «non quedan billetes» tanto dentro como fóra de Galicia. Con naturalidade e sen reservas, como é habitual nela, fálanos do seu último disco —Rabia ao silencio—, da xira, dos males da sociedade actual, do indie ou de Rosalía (non da poeta, senón da cantante).
Imaxino que non debe ser tarefa doada adaptar e traducir as letras doutros artistas ao galego.
Foi un traballo longo, sobre todo porque a finalidade era unha adaptación total, respectando a estética e o carácter da pluma do autor ou autora. Para min son persoas superimportantes, polo que é moita máis responsabilidade que se as cancións fosen miñas. Este disco é unha débeda cos meus mestres de vida. Non é un disco meu. Cando tocaba estas cancións na casa, as miñas irmáns dicíanme «Sés, ter que gravar estes temas, á xente vanlle encantar».
Por que decides gravar este último traballo en formato trío, con tan pouca instrumentación?
Porque todo o peso do traballo é lírico e poético, non musical. Simplemente é unha forma de apoiar os textos e respectar a orixe das cancións, pero que soe a min, porque son eu quen as está cantando. Algúns dos temas parece que os escribise eu. Os arranxos son moi naturais, non parece unha simple tradución.
As cancións escollidas son unha especie de percorrido histórico polas últimas décadas dedistintos países, nos que se fala de ditadura, emigración, racismo ou revolución. Para ti o prioritario é a mensaxe da canción?
Completamente. Ademais todos estes temas están máis de actualidade que nunca. As cousas están peor que hai sesenta anos, e é aínda máis vergoñento e moito máis incomprensible.
As entradas para algúns dos concertos desta xira que te leva por teatros de Galicia están esgotadas. Esperas boa acollida para novo traballo?
Desbotamos os grandes auditorios que facemos habitualmente precisamente para preservar o carácter íntimo do espectáculo, que vai ter certa compoñente audiovisual. Hai proxeccións e unha parte moi importante correspóndelle á imaxe. Por iso optamos por espazos con 600 ou 700 localidades como moito. Temos a inmensa sorte de que a xente compra os tíckets para ir vernos, e iso é moi importante porque é a única forma de ser libre neste país.
Non estás a favor de que a xente non pague para consumir cultura?
Ten que haber un intervencionismo estatal nas necesidades básicas, como a cultura, pero sen amiguismos. Os grandes festivais do mundo son autoxestionados e poden levar a quen queiran porque acostuman á xente a pagar unha entrada.
Falando con Pablo Novoa sobre a música do Xabarín Club, mencionoute como unha das artistas ás que lle gustaría ver facendo unha canción para o programa. Gustaríache?
Moitísimo. Eu son da xeración Xabarín, teño 36 anos. De pequena ía ao parque e berraba «onda vital xaaa!». Eu era unha nena criada en español, pero o Xabarín conseguiu que xogásemos en galego e cantásemos «churras, churras, churras!» e «eu o que quero é xamón». Para min, a normalización lingüística que conseguiu o Xabarín non a conseguiu ningunha política.
Comentabas que agora se confunde a profesionalidade musical coa indiferenza, o individualismo e coa covardía. Pensas que todo artista ou figura pública ten a obriga de tomar posición ideolóxica?
A obriga non, pero non hai dereito a vender a indiferenza como profesionalidade. Non se trata de cantante ou non cantante, trátase de ser persoa. A moda de non mesturar música e política non vai comigo. Maluma é tan político coma Bob Dylan, só que el defende un sistema e Dylan defende outro. Hai moita postura na música. Critico a alguén por posicionarse politicamente pero despois Víctor Jara era lo más. O meu posicionamento pechoume máis portas das que me abriu.
Pódesnos adiantar algo do teu vindeiro traballo de cancións inéditas que estás a preparar para 2020?
Eu nunca sento a compoñer un disco, senón que vou compoñendo temas e despois escollo, tanto me dá se é de hai 8 anos ou de onte. Para min é básico que os discos non sexan aburridos. Que haxa temas enfadados pero tamén optimistas. Que sexa algo ameno. Non son nada acomplexada. Apetéceme que o próximo disco sexa moi fresco e visceral.
Entón o principal para ti á hora de facer un disco é a variedade.
Si. A min por exemplo abúrreme monumentalmente o indie. Non creo nada dese lerio e dese discurso acomplexado, frío, monótono, prefabricado e robótico. Non é humano, tío. É un xénero froito do complexo. Grosso modo, claro, porque antes era bo, pero agora é tremenda merda. Hai tanta mentira que cando sae algo verdadeiro tododiós se agarra, tal é o caso de Rosalía.
Polo que vexo, gústache Rosalía…
Encántame. Se non lle gusta á xente é que non ten criterio. Eu xa era moi fan do disco Los Ángeles. O concepto, a estruturación literaria, a visión transversal das estruturas artísticas de El mal querer é tan evidente para calquera persoa á que lle interese a filosofía da arte, que desprezar iso é como dicir que Kant ou Schopenhauer non son interesantes porque non os entendes. Esta rapaza fixo este disco como proxecto de final de mestrado, baseada nunha obra do século XVIII. Pode non gustarche, a min pásame con Caetano Veloso, pero iso non quita que non o admire. Rosalía é como Camarón, pero con moitísimo máis mérito, porque el non tiña a profundidade semántica nin o discurso que ten ela. Camarón era víscera e gorxa, Rosalía é cerebro.
Texto e fotos: Pablo Vázquez
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024