REVISTA ABRIL

A festa do indie patrio dáse cita mañá en Castrelos

Este venres 2 de agosto terá lugar en Castrelos unha reunión con dous dos artistas máis potentes do indie nacional xunto cunha das bandas máis prometedoras de todo o país. Falamos de Vetusta Morla, Xoel López e Furious Monkey House, que desde as 20:00 da tarde ofrecerán un mini festival dunhas catro horas. (Foto destacada: Wilma Lorenzo)

Xa coñecemos os horarios deste triple concerto que terá lugar mañá no auditorio de Castrelos: Furious Monkey House abrirá a velada ás 20:05, que continuará con Xoel López ás 21:00 e rematará con Vetusta Morla, cuxo concerto comezará arredor das 22:40. Unhas catro horas con algunhas das mellores bandas do panorama nacional.

FURIOUS MONKEY HOUSE

Comezando polos primeiros en actuar, Furious Monkey House é un grupo formado por cinco mozos e mozas de Pontevedra, acompañados polo seu profesor de música, que nos directos exerce do famoso mono furioso. Gravaron o seu primeiro e único disco ata agora entre Planta Sónica, Vigo, e Abbey Road, Londres. As súas influencias van desde Pixies e Nirvana ata Red Hot Chili Peppers ou The Cardigans, sons que quedan patentes na súa enerxética e poderosa música. Podes ler a nosa entrevista a Irene, guitarrista da banda, nesta ligazón.

XOEL LÓPEZ

Saltando ao segundo invitado da noite, Xoel López e a súa banda traerán ese indie-folk-rock tan propio que o coruñés leva anos cultivando. No 2009 deixa atrás unha exitosa carreira co sobrenome de Deluxe (co que sacara cinco discos, dous deles en inglés) para cruzar o charco e iniciar unha nova etapa en Latinoamérica. A súa volta discográfica, xa renconvertido a Xoel López, foi en 2012 con Atlántico, un disco principalmente de folk mesturado con sons propios do continente no que viviu durante varios anos.

Paramales (2015) continúa a liña trazada porAtlántico, mais engadindo novos matices e arranxos, demostrando unha continúa evolución como artista. Rock, folk, soul e ata músicas do mundo son algúns dos xéneros que Xoel mestura neste segundo traballo en solitario. Para rematar, no outono de 2017 sae á luz Sueños y Pan, o seu último traballo ata a data. Un traballo desacomplexado e ecléctico no que vemos ao artista galego máis libre ca nunca, convertido nunha das referencias da música de autor nacional.

REVISTA ABRIL

VETUSTA MORLA

Por último, o prato forte da noite virá en forma de indie rock da man de Vetusta Morla, posiblemente a banda máis exitosa e máis en forma actualmente do panorama hispanoamericano. O da banda con nome de tartaruga é sen dúbida un dos concertos máis esperados deste ano, que levaba un lustro sen pisar terras viguesas.

Ao longo destes 20 anos de carreira a banda lanzou catro discos ao mercado (ademais da banda sonora dun videoxogo) sendo Un día en el mundo (2008) o primeiro e Mismo sitios, distinto lugar (2017) o último ata agora. Entre algúns dos seus logros destacar que o seu álbum La Deriva (2014) foi o disco máis galardoado da historia da UFI (Unión Fonográfica Independiente) e en xuño do ano pasado reuniron a 38.000 persoas na Caja Mágica de Madrid, algo nunca visto nunha banda de indie no noso país. Ninguén dubida que mañá a súa lenda medrará aínda máis tras conquistar o escenario máis importante do sur de Galicia.

(GMT+01:00) Praia da Barbeira