CAMELIAS MASCOTAS

Dez exposicións para visitar ao longo do mes

Moitas veces ocorre que non somos conscientes da cantidade de exposicións e espazos de arte que hai espallados pola cidade. Mesmo lugares como salas de concertos ou mercados están a acoller pezas artísticas entre as súas paredes. Casualmente, nestas últimas semanas estanse a producir unha gran cantidade de inauguracións de mostras, polo que a continuación imos tentar facer un resumo de todas elas. Senón, tamén podes botar un ollo á nosa axenda de exposicións.

Imaxe tomada na mostra de Virginia Rota | Pablo V.

Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos – MARCO. Do 24 xaneiro ao 24 de maio.

Baixo o título Espazos e encadramentos, e conformada por unha selección de obras procedentes do comodato e de diferentes coleccións, acompañadas de material documental, a mostra configúrase a partir dunha coidada investigación e relectura do sentido, obxectivos e incidencia da obra de Colmeiro. Unha visión diferente, máis contemporánea que historicista, que intenta achegar novas lecturas e enfoques. Faise especial fincapé na implicación do artista nos debates arredor da figuración na Europa e América dos anos vinte e trinta, os debuxos de guerra, e outros momentos menos coñecidos do seu traballo.

Keka Suárez. Fotografía de concertos – El Contrabajo. Do 26 de xaneiro ao 29 de febreiro.

Exposición de fotografía de concertos por Keka Suárez que poderase visitar en horarios de apertura da sala. A mostra inclúe imaxes de concertos de Joan As Police Woman, Coque Malla, Iván Ferreiro, Pacífico ou Koacha.

O Vigo Antigo – Mercado de Teis. Do 27 de xaneiro ao 8 de febreiro.

Un total de 42 fotos, entre as que se mesturan as de branco e negro e en cor, devolven a nosa memoria a principios do S. XIX cando, por exemplo, o mar chegaba aos soportais do Berbés ou á rúa Montero Ríos, ou cando en Bouzas existía unha enorme praia hoxe tapada polos estaleiros. Todas as fotos, foron doadas por veciños de Teis e de Chapela, nalgún caso documentos que levaban gardadas máis de 35 anos. Apura se queres vela, xa que pecha este sábado.

Son eu. Dezaoito retratos de Laxeiro – Fundación Laxeiro. Do 31 de xaneiro ao 17 de maio.

Os dezaoito autorretratos que, dende o venres, 31 de xaneiro, se mostrarán na Fundación Laxeiro, compoñen, no seu conxunto, un percorrido excepcional da evolución plástica do artista, mais tamén da evolución do xénero do retrato ao longo do século pasado, ademais de supoñer unha oportunidade única para comprobar de primeira man, as diferentes interpretacións que o artista fixo de si mesmo, en diferentes técnicas como o lapis, o carbón, a tinta e o óleo, a través de sesenta anos de traxectoria.

La era de los unos y los ceros, de Olmo Blanco – Cubo. Do 31 de xaneiro ata o 21 de febreiro.

Olmo Blanco traballa as súas imaxes desde os materiais máis simples a liña e as cores planas. O seu traballo é un traballo de destilación. Un proceso no cal os elementos da vida cotiá son reducidos á súa expresión máis simple. Quizais poderiamos falar da esencia dos obxectos. Aquel momento no que despois de ir quitando cada un dos elementos que os constitúen, xa non se pode quitar nada máis porque, pola contra, a referencia ao obxecto desaparecería para sempre. Na obra de Olmo se reune o pasado profundo co presente máis próximo. As lineas dos petróglifos, que son a súa primeira inspiración, achéganse de forma natural e evidente ás lineas de sintesis que utiliza o deseño para favorecer a comunicación das súas mensaxes. 

O mundo ao principio, de Virginia Rota – Sala de exposicións do Teatro Afundación. Do 5 de febreiro ao 21 de marzo.

Rota traballou neste proxecto ao longo de tres anos man a man con nenos e nenas de entre catro e once anos a quen a artista retratou individualmente antes de lles encomendar a tarefa de retratar “a beleza” e “o importante» cunha cámara desbotable de 27 fotografías, sen contar coa axuda de persoas adultas. Froito deste extraordinario encargo nace a presente mostra, conformada polas fotografías sacadas polas crianzas e os retratos dos propios cativos feitas por Rota.

Afinidades Selectivas – Casa Galega da Cultura. Do 6 de febreiro ao 21 de marzo.

Décimo primeira edición da exposición Afinidades Selectivas, comisariada pola profesora de Belas Artes Chelo Matesanz, e que leva por título unha frase de Noam Chomsky, Ideas verdes incoloras dormen furiosamente, creada como exemplo de estructura gramaticalmente correcta pero sen significado aparente. Esta mostra reúne pezas de oito artistas que inicialmente se coñeceron nos procesos de aprendizaxe na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, como estudantes ou como docentes.

Desafío Audiovisual Illas Cíes – Casa das Artes. Do 7 de febreiro ao 8 de marzo.

O venres 7 de febreiro inaugurarase a exposición fotográfica e proxectaranse as 6 pezas de vídeo que foron seleccionadas no Desafío Audiovisual Illas Cíes. Todos estes proxectos foron realizados durante a residencia artística que levou a cabo nas Illas durante a última semana de setembro do pasado ano.

Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas – Museo do Mar. Do 7 de febreiro ao 12 de abril.

REVISTA NOVEMBRO

Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV- XVII é unha exposición producida polo Consello da Cultura Galega baixo o comisariado de Ofelia Rey Castelao na que se amosa as consecuencias que tivo para Galicia a expedición Magalhães/Elcano, que partiu hai 500 anos. Unha trintena de paneis repasan a historia desta época da navegación galega e como esta historia foi reflectida a través do imaxinario popular que recolleron grandes autores e investigadores da literatura galega ao longo dos tempos.

Biophosis, de Roberto Hernández – Apo’strophe. Do 8 ao 29 de febreiro.

Biophosis é un catálogo visual que resulta da exploración dunha orde fronteiriza situada entre ciencia e arte, pasado e presente, verdade e ficción. Mostra o descubrimento dun habitat no que cohabitan a fotografía de Edward Weston como ferramenta para a captación da verdade e o simbolismo pictórico de Max Ernst.