CAMELIAS MASCOTAS

The Wild Fest volverá a finais de xuño na mesma localización

A segunda edición do festival sostible The Wild xa ten datas: 26, 27 e 28 de xuño no Parque Forestal de San Miguel de Oia. O festival máis sostible da comarca de Vigo estará cheo de actividades para todos os públicos e familias, buscando desta forma mellorar os rexistros da súa primeira edición.

Neste novo certame, The Wild seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.

En relación ás actividades, Juan Pablo Pérez, coordinador de The Wild, quixo remarcar que, para este ano, “incidirán en todo o que funcionou na primeira edición” e confirmou que volverá a ter lugar a andaina solidaria. A camiñada, feita en colaboración coa Comunidade de Montes, destinará “os fondos recadados a fundación Fran Gil, que loita contra a leucemia”.

REVISTA NOVEMBRO

Cabe destacar tamén que, durante a andaina, os participantes poderán coñecer como funciona a xestión dos montes e descubrir zonas menos coñecidas. Tal e como comenta Manuel Giráldez, presidente da Comunidade de Montes “é moi bonito que nos sigan 300 persoas e darlles información do que facemos, do que son as comunidades de montes ou das vistas panorámicas, que moita xente non as coñecen”.

Seguindo con esta filosofía de mesturar actividade física e lúdica, o festival contará con concertos, faladoiros, xogos infantís, zona gastro e un recinto expositivo para empresas relacionadas coa sustentabilidade. Destacar a coidada sección de cinema, con Juan de Castro á cabeza, formada por unha selección de cinema de natureza, deporte e activismo.

O ano pasado o festival celebrou a súa primeira e ambiciosa edición os días 28, 29 e 30 de xuño no mesmo espazo, cun cartel musical formado por A Polémica Banda dos Bechuchos, Combo Rainbow, The Broke, La Chata Soul, Dreams of the Dolly Sheep, Agorpahobia, The Soul Jacket e Mad Martin Trío, ademais dunha gran variedade actividades.