Alejandro Guillán (Baiuca): ‘A música é un medio global que me dá a oportunidade de mostrar de onde veño’
Alejandro Guillán é a persoa aos mandos de Baiuca, un proxecto que naceu en 2018 e que xoga a mesturar a música tradicional coa electrónica, descubrindo zonas de convivencia entre pandeiretas e sintetizadores non exploradas ata o momento. A súa música móvese entre o techno machacón de ‘Muiño’ e a alegría lixeira de ‘Ilaló’, sempre coa tradicion galega como punto de partida, que distorsiona a través da edición electrónica e a mistura con outras músicas do mundo, como a moruna ou a andina. Falamos con el antes do seu concerto este sábado na sala Mondo, dentro da programación de CíCLICKa.
Como empeza Baiuca?
Foi algo que me rondaba na cabeza había moito tempo, foi só cuestión de atopar o momento para darlle forma ao proxecto
Que tivo 2018 par ser, por fin, o momento?
Nada en especial. Simplemente pasaron os anos e a idea de facer un proxecto electrónico, pero mantendo moita da miña esencia e doutras músicas cada vez tiña máis forza na miña cabeza. Foi tamén cando me mudei a Madrid e supoño que ensalzar as miñas raíces cobrou máis sentido nese momento. Aproveitei para levar todos os discos de música tradicional, e non só, que tiña na casa e escoitalos de novo. Foi un proceso longo, complicado, mais tamén bonito, pois fíxeno coa ilusión de ensinar á xente de onde veño.
Fusionar a música tradicional coa electrónica, era unha forma de que os madrileños lle prestasen atención á música galega?
Aínda que xa che digo que a idea estaba na miña cabeza desde antes, o feito de empezar a ir máis a Madrid e relacionarme con xente non galega e non española fíxome reflexionar sobre que é o que podes aportar ti de distinto e aí colle a forza a idea de que a esencia pola que quería que se me recoñecese é a música tradicional galega.
Que teñen en común a música tradicional galega e a electrónica?
Todas as músicas tradicionais están moi relacionadas polo ritmo e este foi un dos elementos chave sobre os que traballei, como os ritmos tradicionais podían ser convertidos en ritmos máis propios da electrónica. A base das miñas cancións ten máis compoñentes orgánicos que sintéticos, mais a través do proceso de edición dixital transformo estes sons de instrumentos gravados en cousas novas. Sampleei moitos dos elementos que escoitaba nos discos de música tradicional, buscando non caer no demasiado convencional e mesturei todo o que me gustaba.
O que fas é innovador porque hai moi pouca experimentación e renovación arredor da música galega, algo que por exemplo, si existe no flamenco. A que cres de se debe?
É algo que ocorre en xeral no norte da península. Quizáis porque é unha zona que tardou máis en abrirse, en ser internacional, mentres que o sur sempre estivo máis exposto a influencias externas. De tódolos xeitos non é certo que non exista xente renovando os sons tradicionais.
Podes descubrirnos algún desdes artistas?
Acaba de sacar disco Rodrigo Cuevas, unha persoa que atopou a súa propia linguaxe xogando co que xa tiña en Asturias. En Galicia os que máis me gustan son Caldo, que estarán o sábado sobre o mesmo escenario ca eu, e Aliboria con quen xa producín o EP ‘Misturas’, froito dunha das primeiras colaboracións que me xurdiron con Baiuca. Tiven a sorte de ter acceso ás gravacións de Xosé Lois Romero e Aliboria para eu transformalas en temas novos a través, precisamente, da mistura con outros elementos.
Esta non foi a túa única colaboración, algunhas delas menos autóctonas. En Caravel, contas coa voz de Nita e pareces querer abarcar tamén a tradición andaluza e Ilaló transpórtanos case ata os Andes. Está saíndo Baiuca das lindes galegas?
Unha cousa non quita a outra e Galicia sempre está presente na miña música, ben como punto de partida ou de chegada e neste camiño comparte espazo con outras músicas. Isto é precisamente o que me interesa de Baiuca, o xogo da experimentación e a mistura.
Tamén che gusta experimentar co audiovisual, moi presente nos teus espectáculos.
Si, sempre me acompaña Adrián Canoura, quen ademais do deseño dos traballos e as fotos promocionais, crea os materiais visuais que proxecto no escenario. Somos bos amigos e, aínda que vivimos en cidades distintas, entendémonos moi ben e confío no seu traballo que complementa moi ben o meu, mesturando imaxes da tradición de forma orixinal.
Que podemos esperar de Baiuca no 2020?
O 2020 vén cargado de traballo. Por unha parte estarei en México por primeira vez e en Italia por segunda, ademais de España. En xeral vai haber moito directo, pero tamén tempo para crear cousas novas a través de colaboracións e remisturas. Todo moi na liña deste 2019, de mesturarme, achegar e que me acheguen. Gústame, por exemplo, traballar con produtores estranxeiros, que non sabían da nosa tradición. A música é un medio global, que me dá a oportunidade de mostrar de onde veño.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024