Vigo homenaxea a Verne polo 150 aniversario da entrada do Nautilius na ría
O 18 de febreiro de 1868 O Nautilius, a mando do capitán Nemo entraba na ría de Vigo. Julio Verne no seu libro ‘Cien Mil leguas de viaje submarino’ escolleu a cidade olívica como un dos puntos de parada da viaxe de Nemo. Para conmemorar este feito, do que se cumpren agora 150 anos, celébrase o Encontro Internacional Vigo Verne entre o 15 e o 17 deste mes.
O Encontro Internacional Vigo-Verne pretende facer unha homenaxe a figura do autor que puxo Vigo no mapa mundial. “Durante décadas falouse de facer un recoñecemento a figura do escritor francés, e por fin hoxe é o día”, sinalaba Eduardo Rolland en representación da Asociación Hispánica Jules Verne. Durante os tres días de homenaxe haberá charlas a cargo de expertos na figura de Verne no Auditorio Municipal e rutas literarias por mar e terra.
O maior experto de Verne en Vigo
Estas xornadas serán inauguradas o xoves 15 de febreiro coa intervención do maior estudoso de Verne no mundo, o italiano Piero Gondolo della Riva. Baixo o título ‘La conexión Jules Verne’ faranos un recorrido didáctico e entretido pola vida do autor.
O venres pola mañá, o propio Eduardo Rolland dirixirá unha ruta literaria aberta ao público na que participarán os expertos do Encontro Internacional e que partirá da fortaleza do Castro. A Continuación as charlas seguirán no Auditorio do Concello. Arrincará coas representantes de varias escolas viguesas que falarán de ‘Verne como proxecto educativo’, continuará a escritora viguesa Ledicia Costas con ‘A vida secreta de Verne en Vigo, tomaralle o relevo o catalán Pasqual Bernat coa conferencia ‘Vigo en las Veinte mil leguas de viaje submarino: guerra y libertad en la ficción verniana’. Pola tarde Agnès Marcetteau, directora do Museo Jules Verne de Nantes, versará sobre ‘Los viajes extraordinarios’, Jesús Navarro falará sobre ‘Novedades científicas y tecnológicas a bordo del Nautilius’ e pechará as xornadas Nicolaás Moragues con ‘Los viajes de Jules Verne’.
Rutas en barco reproducirán a viaxe de Nemo en Vigo
Durante a fin de semana, os actos de honra a Julio Verne terán lugar na rúa. O sábado ás 11 da mañá celebrarase a ofrenda floral e un acto homenaxe ao escritor. E o sábado as 17:00 horas da tarde e domingo ás 12:00 da mañá e ás 17:00 da tarde faranse unhas rutas pola ría a bordo do Nautilius. Unha actividade de unha hora de duración que seguirá o ronsel do submarino verniano e o robot ‘Nemo’ somerxerase nos fondos da ría de Vigo. As entradas teñen un prezo de 12 euros para adultos e de 8 euros para os menores de 12 anos e están a venda en www.oceansecrets.es