CAMELIAS MASCOTAS

Vigo será protagonista na coprodución galego-portuguesa ‘Auga seca’

O Real Club Náutico de Vigo, un dos escenarios da serie, acolleu esta mañá a presentación de Auga Seca, a coprodución internacional entre Portocabo e SP-i que está a iniciar a súa rodaxe en Vigo e Lisboa. As gravacións na nosa cidade estenderanse ata o 19 de xullo en localizacións como Guixar, o Castro, Cabo Estai ou varios lugares preto da costa.

Fotografía da presentación da serie no Real Clube Náutico de Vigo | Portocabo

Auga seca comeza coa morte de Paulo Duarte no porto industrial de Vigo. Un aparente suicidio que non convence aos seus xefes, nin á policía, nin á súa irmá Teresa, que se muda de Lisboa a Vigo e empeza a traballar na empresa onde estaba Paulo, co obxectivo de descubrir o que pasou. Victoria Guerra, que interpreta a Teresa, explicou que “por riba de todo, é unha serie moi ben escrita, moi sorprendente”, e destacou a importancia a nivel artístico de colaborar entre profesionais de Galicia e Portugal.

Ese carácter transfronteirizo está integrado na propia trama: “é unha serie moi volcada cara ao mar, e de aí que Vigo sexa o foco principal, unha protagonista máis”, apuntou Alfonso Blanco, que tamén fixo especial fincapé no carácter “naturalista” da serie: “para nós era importante que fose verosímil, crible”. Auga seca terá 6 capítulos de 50 minutos e recolle o universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial. “É un thriller, e en canto thriller é unha historia que viaxa”, explicou José Amaral, director xeral de SP-i, que contou como a idea da serie os conquistou desde o primeiro momento.

REVISTA NOVEMBRO

A rodaxe comezou o pasado luns 27 de maio pola zona de cabo Estai, en Canido, e seguira ata o próximo 19 de xullo en localizacións como a estación de Guixar, o Real Club Náutico de Vigo, o Castro ou a estrada entre Vigo e Baiona. Das aproximadamente 150 persoas que traballarán neste proxecto, existirá unha forte presenza local tanto no equipo técnico como artístico. Ademais dos protagonistas Victoria Guerra, Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, participarán outros actores como Eva Fernández, Cris Iglesias, Manolo Cortés ou Tacho González.

AGADIC aportou un total de 260.000€ en axudas por cumplir con moitos dos parámetros esixidos, como a calidade do proxecto, o interese cultural, a utilización do galego, a viabilidade industrial e o aproveitamento do talento local. Auga seca emitirase tanto na TVG como na RTP portuguesa, mais aínda non ten data de estrea.

Auga seca, que será filmado en galego e portugués mantendo un rexistro realista, continúa deste xeito coas producións internacionais de Portocabo, que está a piques de estrear Hierro (7 de xuño), producida para Movistar+ con ARTE France e Atlantique Productions e dirixida por Jorge Coira. A serie ten un percorrido internacional asegurado, como o demostra a entrada no proxecto da distribuidora británica DCD Rights e a venda dos dereitos de emisión da serie para Holanda, Finlandia e Europa do Leste (neste caso, á prestixiosa canle americana AMC).