Miss Toxo, 50% haterismo e 50% feminismo
Miss Toxo é unha mestura entre feminismo e haterismo. Unha alianza que descubre a naturalidade de quen vive o natural da vida como as novas relacións que se dan con aplicacións como Tinder ou o empoderamento da muller. Unha converxencia, tamén, entre o mundo rural e a cidade que se plasma nos deseños de Carla Avión, a persoa que está detrás da persoaxe. A Movida fala con ela, co gallo do Día das Letras Galegas, posto que emprega o galego para transmitir a mensaxe de igualdade, acompañada dunha ilustración.
Miss Toxo é 50% haterismo e 50% feminismo… Isto é 100% toxo?
E que eu son así. .. Non quero enfocarme en facer Fridas ou facer Rosalías. O que quero é que sexa algo de aquí co de agora. Non quero explotar algo que é evidente que xa é feminismo. Quero reflectir as cousas que nos pasan no día o dia, como os desamores ou as relacións, o Tinder… quero evitar o comercial. Pero si que intento ser hater, claro.
Algunhas das protagonistas das túas ilustracións son mulleres rurais que aparecen empoderadas
E que a min lémbrame moito a miña nai. Intento usar mulleres da miña idade, pero tamén mulleres máis maiores, porque, realmente, foron elas as que empezaron todo isto. Quero imaxinar que elas serán así o día da mañá. Incluso, é unha visión de mi mesma dentro duns anos.
Por que decidiches mandar as túas mensaxes en galego?
Porque, a verdade, boto en falta que a min me educaran en galego. Ademais, hai uns anos, facendo un documental sobre a perda da fala en galego nos nenos cando chegan a escola, fun máis consciente. Entón, Miss Toxo foi unha forma de resarcirme a min mesma. Sobre todo por esa imposición ou educación de que “se te falan en castelán, tes que falar en castelán..” e aquí, en Vigo, sobre todo.
Cal é o feedback que te chega por optar polo idioma?
Non perdo seguidores, pero non chego a un público máis amplo. Pensei en subir a mesma imaxe en galego e outra en castelán, como fai, por exemplo, Arte con M co inglés e co español, pero non é o mesmo. Hai cousas que, traducidas ao castelán, non se entenden nin fai a mesma graza. Aínda que é certo que, o día do traballador, unha seguidora catalá compartiu o deseño que fixen co motivo desde día. Entendo que foi porque “en loita” ten semellanzas co catalán. Incluso faloume e mandoume un audio e todo, entón, desde ese punto, cheguei a ela. Pero se sales desas fronteiras…
Empregar o galego neste eido está ben porque delimita o público. É dicir, o propio idioma xa define o teu público.
Entón, é unha vantaxe, non é?
Si, seguireino a facer así, pero é verdade que á hora de seguidores ou de traballos non se poñen en contacto contigo porque pensan que soamente o fas nese idioma e debería ser o contrario, xa que sabes un idioma máis.
Tiveches algunha ocasión na que perdiches unha oportunidade porque Miss Toxo sexa en galego ou viceversa?
Unha vez, uns noivos, que me falaron por unhas invitacións que, finalmente, non chegaron a nada. Non podo dicir certamente que fora polo galego, pero si que creo que puido frear. Sen embargo, outra marca que fan carteiriñas de coiro fixenlle eu o logo e creo que, precisamente, contactaron comigo porque emprego o galego nos deseños de Miss Toxo. Para unhas veces, si e outras non… Pero non é polo meu traballo é que o resto de publicacións non contan co galego para este tipo de cousas.
Como é a actualidade do deseño en galego desde a túa perspectiva?
Creo que moi pouca xente o fai, a verdade. No caso, por exemplo, de O Carallo 29, si que o fan. Aínda que comercial, si que reflicte o que pasa por aquí. Penso que hai moitos galegos que fan cousas moi boas, pero que non están explotando. Boto en falta que persoas que teñen moitos seguidores e unha plataforma potente non tiren máis disto.
Cales son as túas mensaxes, que queres trasladar?
Igualdade e que á xente que non esta aquí que lle lembre cousas, a morriña… Cando me vén a idea á cabeza, a deseño e a solto. A unión da cidade co rural e coas modernidades como a aplicación Tinder . Non empezou dunha forma premeditada, entón… Tampouco teño exactamente definido.
E como empezou?
Eu estaba no paro logo de deixar os estudos de moda e traballar nunha editorial, e comezou aí, case como unha broma… e coa broma van case dous anos.
A que rango de idade chegan os teus deseños?
A media está entre os 25 e 35 anos. Pero non teño seguidores que están na ideade, de 18 ou 19, nas que se está formando a personalidade para calar a mensaxe. Miss Toxo cala, en xeral, nesa xente que xa está definida, que sabe o que quere e que entenden xa por onde van os tiros… Falta fomentar o galego e a cultura aquí. Falta vender máis a cultura galega.
Cal é o futuro de Miss Toxo?
Igual. Feminismo e haterismo. Ainda que ao mellor, a longo prazo, retomo o de facer camisetas. Volver a empezar, pero dun xeito máis ordenado. Con estructura de proxecto e que lle poida dedicar moito tempo. Estar 100% para iso.
Eva M. Porto
Últimos posts de Eva M. Porto (ver todos)
- Pablo Rodríguez: «En Madrid vendeuse máis en galego que en castelán» - 11 Maio, 2020
- Ana Fontenla: «Hai moita calidade na literatura galega, creo que é unha bomba que vai estoupar» - 11 Maio, 2020
- Mónica Bernández e Miguel Lima: «O galego fai barrio e o barrio fai galegofalantes» - 11 Maio, 2020
- Miss Toxo, 50% haterismo e 50% feminismo - 16 Maio, 2019
- Coruxo Móvese pola inclusión - 7 Maio, 2019