Julián Hernández: “Estes concertos da Iguana teñen swing, glamour, sex appeal e dan bo rollo”
Se hai dúas cousas viguesas que representen a nosa música das últimas décadas, esas son Siniestro Total e La Iguana Club. O xoves 27 e o venres 28 a banda liderada por Julián Hernández volve á súa casa por Nadal para celebrar o seu XXXVII Aniversario, coas entradas esgotadísimas desde hai días. Falamos con Julián disto e doutros temas, quen nos responde coa súa máis que habitual e irónica retranca galega.
A primeira pregunta é sobre o voso batería Ángel González, quen deixou a banda fai uns meses por problemas de saúde. Xa está recuperado para o concerto ou tocará Andrés Cunha no seu lugar?
Ángel González, o noso poeta das baquetas, aínda ten que reposar un tempo. Andrés traballa de arreo para chegar ao grado de ‘o novo’. O leva ben, pero tamén leva ostias, qué lle imos facer. Agora xa o temos claro: SINIESTRO TOTAL é o único grupo do mundo que tivo -e ten- tres cantantes, tres baixistas e tres baterías sen perder a identidade. Que alguén supere iso!
Tedes algunha sorpresa preparada para estas dúas datas de aniversario na Iguana?
Por suposto. Non sei se desvelalo xa, pero imos practicar sexo aberrante en directo só con látigos e tacóns. Isto, dito sea de paso, relaxa moito no medio dos concertos. A min particularmente ghústame moito a introducción anal de harmónicas en G (Sol).
Despois de tantos anos nisto, segue a sorprenderte a velocidade coa que se esgotaron as entradas para os dous días?
Si e non. Obviously, Siniestro Total non é un grupo de grandes recintos. Pero estes concertos da Iguana teñen swing, glamour, sex appeal e dan bo rollo. Só coa parroquia viguesa pódese encher dous días. Non pretendemos moito mais. Pero tamén é certo que vén xente de fóra, cousa que está moi ben. Pasámolo pipa sempre, en todo caso.
O voso último traballo discográfico foi El Mundo da Vueltas, fai dous anos. Hai intención de gravar algo novo proximamente?
Si: cheghou o momento de gravar algo con Andrés que pode ser a versión que temos feita das Variacións Goldberg de Bach. Iremos informando. A portada do disco está clarísima: Andrés en bolas.
Vemos nas túas redes sociais que segues moi de preto a actualidade social e política. Todo o que esta a ocurrir no mundo e no país non te inspiran para compoñer novas cancións?
Outra vez é si e non. A actualidade, os telexornais, a carallada toda esta do mundo mundial, sempre foi unha fonte de inspiración para Siniestro Total, nin a menor dúbida. Pero… seica agora é todo moito mais aburrido. Menos icónico. Menos cool, qué carallo. Podemos tirar da Historia, pero é ese pesadelo do que temos que despertar (Joyce dixit). Por que non pasar agora a romanzas de amor ou delirios de Science Fiction tipo Philip K. Dick?
Dicías nun documental que se a xente nova non fose aos vosos concertos, Siniestro Total non existiría. Notas que hai un gran interese da xuventude polo que facedes?
Pode que si e pode que non. Somos galegos, non si? Vale, pois vai ser que si. Hai rapazada nas primeiras filas e vellos na barra do fondo. É un feito. Temos cousas que contar e os novos (os que non deben de namorarse) teñen cousas que contarnos a nós.
Nos últimos 20 anos o estilo da banda foi variando do punk rock inicial ao blues ou country, entre outros. Cres na máxima de ‘renovarse ou morrer’?
Tocar blues ou country tampouco é renovarse moito, non?, que son xéneros máis vellos que andar a pé. Siniestro Total nunca foi un grupo punk de manual: sempre houbo unha mestura de cousas. De feito, pode ser que ST sexa un grupo cun certo estilo, pero sen xénero.
Pensas que se Siniestro Total nacese no 2018 podería ter feito todas as cancións que fixo?
Non. Pero non por censura, autocensura, corrección política ou persecución xudicial e política, senón porque as circunstancias históricas, sociais, culturais ou tecnolóxicas son ben distintas. Como dicía David Broncano, se queren matarnos que nos maten, vale, pero non sabemos facer outra cousa nin as cousas de outro xeito. A actitude, polo tanto, sería a mesma que vén sendo dende o principio.
Hai algún grupo na actualidade que creas que segue a estela de Siniestro?
Nós pensamos que non: non nos recoñecemos en ninguén. Pero porque cada grupo é como é, cunha personalidade concreta, e ST non ten, como dicía, un xénero ou un son tan marcado como para marcar un camiño. No caso das letras, pois xa é cousa de facer unha análise filolóxica se cadra.
Citabas nunha entrevista a Frank Zappa, que dicía que a música sempre ten que ser o primeiro e estar por enriba de todo o demais. Pensas que na actualidade dáselle máis valor ao marketing que a propia música?
Non é unha novidade. Toda a cultura popular de despois da II Guerra Mundial (rock, pop, cómics, cine, arte…), que é basicamente ianqui, está baseada na publicidade nos medios. A actitude punk, ou underground se queres, subvirte a cuestión da publicidade e pasa a falar de ‘intervención’, que é moitísimo máis barato e divertido.
Se por ti fose, deixarías de tocar algúns dos clásicos da banda en directo despois de tantos anos tocándoos, ou sentes unha especie de obrigación co teu público?
Temos moito repertorio e podemos intercambiar cancións! Falando en serio (e en sirio): non sentimos ningunha obriga, pero a vella ‘artillería pesada’ si que é certo que funciona. E non pasa nada: estamos tan a gustito con ela.
Despois de compoñer decenas de cancións e escribir un par de libros, hai algo que te quede por facer e gustarías de probar?
Tamén fixen cine porno con Nacho Vidal, así que xa vin de todo. Home, estaría ben probar unha década sabática despois de tantos anos de traballo. Tamén gustaríame probar a plantar chícharos na horta, que polo de agora non o fixen. Non é moita ambición, pero faría moita ilu, ho!
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024