Esta fin de semana as mulleres toman Vigo no 85C
Os días 7, 8 e 9 de setembro chega a III Edición do Festival 85C, o máis ambicioso e multidisciplinar ata a data. Tres días no que as artistas encherán multitude de locais da cidade para mostrar as súas aptitudes artísticas, xa sexa música, artes escénicas, poesía oral, cinema, obradoiros, mesas redondas e todo o que se lles poña por diante. Tres días de cultura para axitar corpos e conciencias.
Esta fin de semana Vigo será arroiado por un tsunami de arte e feminismo, xa que decenas de locais e lugares públicos exercerán de sede neste multidisciplinar festival. O venres 7 comezará cunha mesa redonda ás 17:30 en A Revolta, seguida dun ciclo de proxeccións nos Multicines Norte ás 20:00. Ás 23:00, no Burla Negra, terá lugar a Noite Folk, onde poderemos presenciar á Nova Regueifa Feminista, Dadga e, finalmente, foliada e danza tradicional, todo por 5€. A partir da unha da mañá, ao igual que ocorrerá o sábado, as mulleres fanse co poder das salas en Churruca na Loita, onde elas serán as encargadas de poñer a banda sonora da zona de marcha máis importante de Vigo.
O sábado será o día central do 85C, con actividades xa de mañá. Ás 10:30 haberá 3 obradoiros distintos na Casa Arines. Á mesma hora Anxos Fazáns impartirá o curso intensivo de dirección e interpretación ante a cámara. Ás 13:00 será o turno da lírica coa Poética PELUQart da man de Raquel Lima, Carmen Conde e María Lado. De tarde teremos o ciclo de artes escéncias no MARCO, ás 17:30, con María Roja, Inherente Teatro, Catarina Campos e Melissa Sousa. De novo, ás 20:00 horas será o turno da proxección de curtas nos Multicines Norte, e na rúa de Príncipe as Ghatas Salvaxes levarán a cabo a súa performance 3564. Os concertos do sábado serán ás 23:00 na Sala Master Club, coas actuacións de Rendi Nue, Mounqup e o DJ Set de Da Chick. A festa continúa con Churruca na Loita e remata en Mondo Club, co Guateque a Esgalla.
Se despois de tanta marcha aínda tes ganas de máis, ás 10:00 do domingo terás diferentes obradoiros e o curso de Anxos Fazáns. Ás 12:00, na Praza da Constitución, Paula Quintas e O Baúl da Tía Tola traerán diversión ás crianzas coas súas actuacións familiares. A media tarde terá lugar a última mesa redonda do festival na que todas as artistas participantes intercambiarán as súas opinións sobre esta III Edición. No último ciclo de proxeccións nos Multicines Norte, e derradeira actividade do festival, poderemos visionar as obras gañadoras do Premio María Luz Morales, de Denisse Lozano e Lucía Estévez, con posterior coloquio coas directoras.
En só tres anos as rapazas de 85C foros quen de xuntar a máis de 80 artistas para ocupar 25 locais e espazos da cidade, algo que demostra a súa enerxía e determinación á hora de levar adiante este evento. Para saber máis acerca das actividades, horarios, prezos e localizacións consultar os diferentes carteis, obra de Marcia Vázquez, na súa páxina de Facebook.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024