CAMELIAS MASCOTAS

Juanes demostrará por que é unha das referencias do pop latino

Os concertos de Castrelos van chegando ao seu fin, mais este mércores temos outros dos pratos fortes da programación: o concerto de Juanes. O artista colombiano chega a Vigo coa súa xira Amarte Tour, na que presentará o seu último traballo Mis planes son amarte e repasará os moitos éxitos colleitados ao longo da súa carreira. 

O show de Juanes deste mércores suporá o penúltimo concerto da programación de Vigo en Festas para Castrelos, ademais dun punto final ao “ciclo latino” tras os concertos dos mexicanos Maná e Zoé e dos colombianos Morat. O cantautor de Medellín, de 45 anos, vén a Vigo como un dos artistas latinos máis importantes das últimas décadas.

REVISTA NOVEMBRO

Como está sendo habitual este ano, xa non quedan entradas para presenciar o concerto desde a zona de pago, o cal demostra o interese do público vigués na programación deste verán. Juan Estéban Aristizábal, máis coñecido como Juanes, chega á nosa cidade acompañada da súa banda, sendo algúns dos seus integrantes compañeiros de escenario desde hai un par de décadas.

Para coñecer as orixes da carreira de Juanes hai que ir a finais dos 80, cando de adolescente formou parte da banda de metal Ekhymosis, coa que gozou de éxito a nivel nacional. Trala súa disolución, comezou coa súa carreira en solitario, pola que é recoñecido a nivel internacional como un dos artistas referencia da música pop rock latina. Co seu tema A Dios le pido comezou a facerse un nome no noso país, pero foi coa súa Camisa Negra coa que alcanzou o recoñecemento masivo.

Ao contrario do que se poida pensar, o éxito de Juanes non se debe a un par de cancións, xa que revisando a súa discografía atopamos numerosos hits como Fotografía, Me enamora, Para tu amor, Volverte a ver, No valgo sin tu amor, Yerbatero, Gotas de agua dulce, Te busqué ou a súa colaboración con Morat, Besos en guerra. Trinta anos de traxectoria, 7 discos en solitario e numerosos premios abalan unha carreira na que atopamos numerosos cambios de estilo e xénero, dándolle máis importancia á electrónica e aos ritmos latinos na súa música actual en lugar do pop guitarreiro dos inicios.