CAMELIAS MASCOTAS

‘Matrias illadas’, unha viaxe poética da man das nosas ancestras

A poeta Tamara Andrés e a artista visual Neves Seara inauguran a exposición Matrias Illadas, unha serie de instantáneas que representan ás ancestras das astistas (e ás de todos nós) a través de imaxes evocadoras, versos, obxectos cotiás e lugares representativos. A mostra estará instalada no Museo do Mar ata o 24 de novembro.

Andrés e Seara contaron con pouco máis de tres meses para dar forma a Matrias Illadas, pero isto non supuxo un problema pois o proxecto xa existía antes de ser materializado en imaxes. Explican que xurdiu de xeito natural “tomando café fomos dándonos conta de que nos interesan os mesmo temas e que temos unha sensibilidade artística semellante” e falando das súas matrias os versos e as fotos xurdiron case ao mesmo tempo, ás veces as palabras antes que as imaxes, e viceversa. O resultado é unha mostra de fotografías e poemas

REVISTA NOVEMBRO

A exposición está organizada para ser percorrida de menos a máis luz, entendéndose a escuridade como o grao de misterio e pechamento que garda cada historia que contan. O misterio é para Tamara un dos temas comúns cando fala das súas ancestras, pois confesa que ela coñece moitas das historias vitais das mulleres da súa familia a través da boca doutras persoas. “As avoas non falan das súas vidas porque cren que non merecen a pena”, resume apenada. Precisamente para desmentir esta tradición, Andrés e Seara desenterran da memoria familiar e social moitas outras. Fano poñéndose na pel desas mulleres e fotografándose a elas mesmas na vila onde habitaron, cargadas de simboloxía: está o pan, o loureiro e o xabón, están as mulleres co pano na cabeza, as meigas, as beguinas, o fume purificador, a fariña…

Alunhas destas matrias nacen dos recordos máis instintivos, como os cheiros ou os sabores; outras dos anacos cazados en conversas e das súas interpretacións traspasadas de xeración en xeración e outras, como a serie que pecha a exposición, da reinterpretación de lendas populares, para as que as artistas crean un final alternativo e liberador. Todas elas homenaxean á nosa cultura máis esencial dun xeito poético.

A exposición conta cun catálogo no que atoparemos máis fotografías das expostas e unhas postais que as visitantes poden coller e enviar, “para que as matrias viaxen, cheguen lonxe e se liberen”.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.