Roteiro pola Reconquista de Vigo
1809. A cidade de Vigo colle as armas e bota da cidade as tropas napoleónicas, que arrasaban con forza o resto da península. Con Cachamuíña á cabeza, os habitantes da cidade protagonizaron a batalla máis sonada da cidade, que lle valeu o título de fiel, leal y valerosa, outorgado polo rei Fernando VII. Un percorrido a pé quere rememorar estes fitos históricos e ensinarnos aos vigueses a nosa propia historia, máis aló da festa que a conmemora.
Tras traballar moitos anos como guía oficial no Museo de Pontevedra e polas principais cidades e vilas turísticas galegas, ensinando aos turistas os seus puntos fortes, Andrea Rodríguez proponse amosar que os roteiros non son só para os que veñen de fóra e que facer o guiri na nosa propia cidade pode ser máis divertido e instructivo do que pensamos previamente. Para ilustrar isto, escolleu un feito histórico que todos coñecemos, pero do que poucos vigueses dominamos os detalles. “A Reconquista é un feito histórico bastante descoñecido incluso para os vigueses, non coñecemos ben o suceso nin as súas implicacións e reducímolo a unha festa”, explica Andrea. E non podemos negar que moitos pensamos máis no choripán que nas tropas de Napoleón cando falamos da efeméride.
A idea xa a levaba rumiando durante anos e este 2020 decidírase a sacala ao mercado, con tan mala sorte que a festa histórica de Vigo, declarada pola Xunta de interese turístico en 2012, tivo que ser cancelada por primeira vez desde que se celebra. Agora decidiuse a ofrecer unha ruta de aproximadamente dúas horas que parte cada sábado do Castro, para descender polo Castelo de San Sebastián e seguir percorrendo a antiga muralla de Vigo. “Pasaremos polos sitios importantes para a Reconquista e remataremos na porta da Gamboa, amosando os lugares clave da loita contras os franceses”. “En contra do que a celebración dá a entender, a Reconquista non foi cousa de dous días eparéceme importante coñecer onde e como se fraguou a rebelión que liberou a cidade dos franceses”.
As persoas que desexen participar nos roteiros poderán facelos cada sábado deste verán, ás 11 da mañá. As entradas están á venda na web da axencia de guías Brúxula, onde podedes atopar roteiro co nome “1809 A rebelión viguesa“. Andrea aclara que tamén está aberta á contratación de tours privados para grupos, no horario que este desexe e a partir de 10 persoas.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024