CAMELIAS MASCOTAS

10 plans para esta fin de semana

Non queda nada para comezar a fin de semana, e neste artigo propoñemos dez plans para facer en Vigo do 12 ao 14 de maio. Música, festas populares, mercados e feiras entre outras cousas. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida!

Treintañeras Cañeras, unha das bandas participantes no Vig Aid | P. Vázquez

Esmorga Market – Do xoves 11 ao sábado 13 no Espazo MUTA (de balde)

Este evento nace co forte compromiso de apoiar e poñer en valor o talento e a creatividade de marcas emprendedoras, para que durante unha fin de semana teñan a oportunidade de expoñer e vender os seus produtos fisicamente, compartindo o espazo con música en directo e gastronomía local. O espírito de Esmorga Market está baseado na creación, a exclusividade e a creatividade. Será un punto de encontro para creadores, artistas, artesáns, xunto co público que visite o espazo, onde poder dar un paseo, comprar artigos exclusivos, escoitar en directo a músicos locais e picar algo, pasando unha fin de semana única e inesquecible.

Festival solidario Vig Aid – Venres 12 e sábado 13 en varias salas (desde 8€)

O Vig Aid é un festival solidario organizado por Toño López, cantante de The Soul Jacket, co fin de colaborar coas asociacións Provivienda e Emaús. Ao longo de dúas xornadas numerosos artistas locais desfilan por varias salas viguesas (Radar, Kominsky, Sinatra, Casa de Arriba e Masterclub) para facer desfrutar e axudar nunha boa causa. O plantel de músicos é: Gabriel MacKenzie, Jazztronomics, Elephants Yard, Yung Voidy, Adan, Bloody, 6Glick, Srg NW, Gallos del Norte, Su Garrido, Treintañeras Cañeras e The Soul Jacket.

Banda á Feira – Do venres 12 ao domingo 14 no Calvario (de balde)

A segunda edición de Banda á Feira celébrase o 12, 13 e 14 de maio en diferentes lugares do Calvario nunha reivindicación do espazo público como unha forma ideal de achegar a cultura á xente. Entre os convidados destacan os nomes de Miguelanxo Prado, Juan Díaz Canales, Kenny Ruiz, Teresa Valero e Miriam Bonastre.

TerraCeo: Depedro e Glenn Hughes – 12 e 13 de maio no Auditorio Mar de Vigo (prezos varios)

Esta fin de semana arranca unha nova edición do festival TerraCeo, que terá lugar na súa maioría na terraza do auditorio Mar de Vigo ata finais de setembro. Grandes nomes internacionales xunto cos artistas galegos conforman a programación deste ano, que comeza cos concertos de Depedro o venres 12, coas entradas esgotadas, e Glenn Hughes (exbaixista de Deep Purple) o sábado 13, con entradas desde 27,50€.

Actividades polo centenario de Oroza – Venres 12 e sábado 13 na Asociación Évame Oroza e Club Náutico (de balde)

Este sábado o poeta Carlos Oroza cumpriría 100 anos. A asociación viguesa que leva o seu nome celébrao cun recital de poesía, unha exposición e a actuación de Cintaadhesiva. O local da Asociación Évame Oroza acolle as actividades culturais e o Náutico a exposición. Se queres coñecer máis sobre Carlos Oroza, o poeta beat de Vigo, podes ler este artigo que lle dedicamos na revista de abril.

Feira de Anime – Sábados 13 e 20 no Centro Comercial Camelias (de balde)

O CC Camelias estrea o seu mercado con temática de arte xaponesa de estilo anime e manga . Música, pinturas, maquillaxe e manualidades. Descobre artistas locais especializados nas artes xaponesas. Desde as 10:30 ata as 20:40, no Centro Comercial Camelias, contarase coa participación de diferentes artistas vigueses, os cales deleitarán ao público con diferentes obras tanto en papel coma chaveiros, adhesivos, decoración, cosplay e moito máis! 

Festa da Brincadeira – Sábado 13 e domingo 14 en Bouzas (de balde)

A XVIII edición da Brincadeira de Bouzas celebrará a expulsión do exército francés a fin de semana do 13 e 14 de maio. A representación teatral na que se emula como o pobo de Bouzas expulsou ao exército francés terá lugar o sábado 13 pola tarde na Alameda. Como novidade, este ano organízase o I concurso de traxes de época da Brincadeira co obxectivo de animar á cidadanía a vestirse como en 1809 e poñerse na pel dos protagonistas. A festa contará con 120 postos espallados polas rúas da vila de comida, bebida e artesanía.

Presentación ‘Do azul’ e recital de Iria Medraño – Sábado 13 ás 12:30 na Morada (de balde)

“Da raíz do corazón” foi o seu primeiro traballo poético e musical, mais non a única publicación. Ten autoeditado o libro de relatos “O paso sen porta”, e “Do Azul” é o segundo poemario recitado e cantado que ve a luz.
Participa con voces nos tres últimos traballos do grupo de rap galego Rebeliom do inframundo e foi parte das últimas edicions do Festival de poesía Kerouac.

Festa dos maios – Domingo 14 na praza do Berbés (de balde)

A Asociación do Casco Vello celebra a 41 edición da súa tradicional Festa dos Maios o domingo día 14 con actividades para pequenos e maiores e na que non faltará a música. Este acto, presente en moitas culturas europeas, festexa a transición do inverno á primavera e a exaltación da natureza e ten a súa orixe nas culturas prerromanas. A programación inclúe animación infantil, bandas de gaitas e unha representación dramatizada dos maios.

REVISTA NOVEMBRO

Picnic Sesións – Domingo 14 na Baixada á praia en Saiáns (de balde)

Picnic Sesións, unha cita mensual e de balde organizada pola Asociación Cultural Liderais e Radio Costeira Saiáns, celebra unha nova xornada este domingo 14 de maio. Natureza, Cultura e Comunidade, son os tres piares que sosteñen este proxecto. Haberá un obradoiro de cestería, espazo de xogo para crianzas, clase de Lindy Hop e varias actuacións musicais.

CONSULTA A AXENDA MÁIS COMPLETA DE VIGO