Portamerica
REVISTA MAIO

As mellores hamburguesas de Vigo

Falemos das mellores hamburguesas de Vigo. Esas que reúnen os ingredientes precisos para que ningún chuletón ou paella lles poida facer sombra. Neste recompilatorio recollemos algunhas das nosas opcións favoritas, procurando que a proposta sexa variada, de calidade e moi actual.

Pepita Coreana, de La Pepita – 12,90 €

A popular e pioneira cadea de hamburgueserías gourmet, nada en Vigo, acaba de lanzar unha nova incorporación á súa carta con aderezos inspirados na gastronomía de oriente, a Pepita Coreana. A nova receita inclúe cogombriños agridoces, costela de vaca glasada con salsa barbacoa coreana e desfebrada e salada de col. Unha combinación arriscada e certamente única que nos fai desfrutar da súa carne de terneira galega dun xeito diferente, aportando sabores ácedos, doces e ata un punto picante moi lixeiro.

Rúa de Oporto, 15 | Gran Vía, 25 (El Corte Inglés, planta 7) | Praza da Estación, 1 (Vialia) – @lapepitaburger

Pepita Coreana | Foto: Pablo Vázquez

Chicken Burger, de Pollos Muñoz – 16,50€

Que fai toda esa xente facendo cola diante do Corte Inglés? Se pasas por diante do centro comercial a mediodía seguro que che fixeches esta pregunta. A resposta está na foodtruck instalada hai unhas semanas polo vangardista chef Dabiz Muñoz, que está a causar expectación na cidadanía. A carta é curta, consta dun gofre salgado, unha hamburguesa, ás e tiras de polo, que podemos acompañar de patacas e coroar cun doce. A hamburguesa (que é o que interesa neste ranking) está protagonizada por unha xugosa coxa de polo empanada, acompañada de queixo gouda e unha salsa tártara con chipotle e pemento moído. O principal atractivo desta hamburguesa é que está ideada polo mellor chef do mundo e que só está dispoñible na nosa cidade por tempo limitado, pois a furgoneta partirá o 9 de xuño.

Gran Vía, 25 – @pollosmunoz

Chicken Burger | Foto: Pablo Vázquez

Espinacas e arandos, de Verde Mostaza – 9,90 € (7,90 € para levar)

Verde Mostaza é o paraíso indiscutible das hamburguesas veganas e vexetarianas en Vigo. Os seus pratos non buscan imitar a textura e sabor da carne, nin falta lles fai, pois combinacións como cenoria con avelás ou champiñón con pataca doce fan que non botemos nin un segundo en falta o reino animal. A nosa preferida é o disco espinacas con arandos, acompañado de queixo fresco, salsa caseira de mostaza e mel, cebola crocant, tomate e cóengos. O seu menú do día é un dos máis completos e nutritivos da cidade e permítenos elixir se queremos a hamburguesa no entre pan ou ao prato. Esta segunda vén acompañada dunha gornición do día, que adoita ser variada e sorprendente. Verde Mostaza é un restaurante que tanto nos amaña un xantar lixeiro de diario como nos alegra unha saída especial.

Ballesta, 10 – @verdemostazavigo

Hamburguesa ao prato | Foto: Paula Cermeño

Urbana Campera de La Urbana – 12,50 €

Na hamburguesería de orixe lucense La Urbana presumen de ter unha das mellores carnes do mundo, a vaca vella Roxadouro, de orixe galego e premiada internacionalmente. Con esta carta de presentación non é de estranar que sirvan algunhas das mellores hamburguesas da cidade. A garantía de calidade únese a unha carta extensa e orixinal, con 16 opcións, a metade delas ideadas por cociñeiros galegos con ingredientes singulares. A nosa preferida é a Urbana Campera, por conseguir levar ao seguinte nivel a hamburguesa completa con ovo e bacon, incorporando queixo crema e mel e deixando tanto o touciño como a cebola ben crocantes. Fóra do apartado gastronómico, é salientable a amplitude do local, tanto no interior como na terraza semicuberta, que o fai un lugar axeitado para xuntanzas.

R. de Rosalía de Castro, 48 – @laurbanaburger

Hamburguesa completa, do Bocateo, Papo’s, La Piragua, Los Bocatas de Marilyne e Paparra – Sobre 5,00 €

Sen dúbida, a década de dignificación da hamburguesa trouxo unhas cantas alegrías aos amantes do bo comer, pero ás veces un bota de menos a simplicidade dos entrepáns de antano e suspira por unha boa hamburguesa que non leve de segundo apelido gourmet e responda á premisa orixinaria de comida rápida e barata. O maior perigo deste apartado é que a fame e o espírito aforrador nos leve a calquera cafetería con carne ultraprocesada, polo que convén ter a man esta lista de hamburguesas modestas, pero ricas e ben feitas. Podemos pedir sen medo unha “completa” en Bocateo, Papo’s, La Piragua, Los Bocatas de Marilyne e Paparra (nos dous primeiros tamén atopamos a versión gourmet). Nestas cinco bocaterías clásicas da cidade temos constancia de que o disco de carne é caseiro, elaborado cunha mestura de porco e terneira, e todos os elementos que o acompañan cumplen o esperado.

Bocateo – Rúa Méndez Núñez, 5 – @bocateovigo

Papo’s – Rúa de Venezuela, 10 – @bocateriapapos

La Piragua – Rúa de Sanjurjo Badía, 187 – @lapiragua_burguer

Los Bocatas de Marilyne – Rúa do Canceleiro, 16 – @losbocatasdemarilyne

Paparra – Avenida do Fragoso, 12 – @paparravigo

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.