banneraQUALIA
bannerCulturgal

Papo’s xa é maior

A emblemática bocatería da rúa Venezuela afronta unha nova etapa cando acaba de cumprir 40 anos. Da man de Óscar, fillo dos fundadores, o negocio acaba de vivir un cambio sen precedentes, ampliando e modernizando o seu local e a súa carta.

No verán de 1982, José Amoedo e Lourdes Lusquiños montaron unha bocatería nun diminuto local da rúa de Venezuela. Fixérono nun momento en que os bocadillos estaban de moda e destacaron en imaxinación ao crear emparedados con ata dez ingredientes, algo insólito daquela. Á improvisación da cociñeira debemos mitos da gastronomía viguesa, como o bocata Especial Lourdes, obxecto de peregrinación nado coa intención de saciar a un cliente lambón, o Súper Lomo ou o Maceió. Axiña o negocio colleu sona e decidiron abrir tamén de madrugada, aproveitando o auxe da movida dos oitenta. «Abrían ata as cinco da mañá ou ata que se acabase o pan», lembra Óscar, un dos fillos da parella, que pensa que o éxito do local queda patente no eclecticismo da clientela. «Era o único lugar de Vigo no que se xuntaban pijos, punkys e rockabillies», afirma cun sorriso.

Banner A Movidiña

Óscar Amoedo Lusquiños é unha voz máis que autorizada, pois acaba de poñerse á fronte desta entidade trala xubilación de seu pai. Non foi unha decisión improvisada; elixiu a carreira de Empresariais coa ilusión de empregar os coñecementos en facer medrar o negocio familiar. A crise atrasou esta meta, pero Lusco, como tamén é coñecido o actual xerente, tiña claro que non quería «que unha marca tan ben consolidada como Papo’s» se acabase perdendo, e decidiu tomar as rendas unha vez se xubilaron os pais.

Recentemente, a empresa viviu varios cambios. Pechou os locais que a cadea tiña no Centro Comercial Gran Vía, na Cidade Universitaria, e na Ramallosa, e abriu un novo a pé de praia en Panxón (Nigrán), no que habitualmente hai música en directo. Este verán pasado, o emblemático local da rúa de Venezuela fixo 40 anos e celebrouno cun cambio de carácter histórico: o que foi descrito como o negocio máis rendible de Galicia, por concentrar gran cantidade de clientela en 22 metros cadrados, mudouse a un local amplo con terraza e unha sala interior cunha ducia de mesas e no que hai sitio ata para pendurar unha moto da parede. O novo local está a uns vinte metros do que ocupou durante catro décadas e nel tamén hai espazo para a nostalxia: ademais de fotografías e cadros, o novo emprazamento conta cunha esquina que recrea o Papo’s orixinal: pequena, con barras altas e pensada para coller para levar.

Na carta tamén atopamos sorpresas, pois no antigo local non sobraba espazo nin para fritir unhas patacas. Entrantes como aros de cebola, tequeños ou tiras de polo; ensaladas contundentes, hamburguesas gourmet e opcións veganas son algunhas das novidades. Os bocatas míticos seguen aquí, cun engadido especial chamado Pepe 1950, pois Óscar quería que, coma súa nai, seu pai tamén lle dese nome a un entrepán. Aínda que xubilado, é habitual que o creador ande polo local. «Quixen manter a esencia familiar e os produtos que nos fan ser quen somos, dentro dun concepto atractivo para a miña xeración», conclúe o fillo.

Rúa de Venezuela, 10
986 47 03 47
@bocateriapapos

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.
X