CONCERTOS CASTRELOS
DIA DE GALICIA

Sara Vila Alonso: “As mulleres falamos de nós mesmas como se fósemos bonecas sen xenitais”

Sara Vila Alonso (As Neves, 1989) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. En 2019 foi recoñecida co segundo premio Comunicar en Igualdade 2019 polo artigo «O noso toque de queda». Como autora literaria, en 2016 logrou o primeiro premio no Certame de Relatos Curtos Os Viadutos de Redondela por Adeus, María. Publicou a súa primeira novela, Oito días sen Eva Cortes, tras gañar o Premio Illa Nova de Narrativa 2021. Coa súa segunda novela, O incendio conseguiu o XLII Premio Eduardo Blanco Amor. Nesta última, que estrea segunda impresión, atopamos a unha nena, unha avoa e unha cadeliña perdida que sobreviven no lugar de Neboeiro, e a través das que fala do abandono do rural, da falta de coidados e da soidade, ademais de reivindicar a sexualidade das mulleres.

A escritora Sara Vila | Fotos: Lara Alonso

Hai dous anos iniciácheste na novela coa publicación de Oito días sen Eva Cortes. Agora sae O incendio. Ambas mereceron premios, así que é obrigado preguntarche, como che sentaron ambos?

Todos os premios sentan ben e en moitos casos teñen a función de apoiar unha autora nas súas primeiras obras. Esa foi a importancia vital dos premios para min, que me serviron para darme a seguridade de publicar co respaldo dun xurado que defendeu a obra. Ademais, por suposto, é unha honra acadar recoñecementos que antes tiveron outras autoras que eu sigo e admiro.

As dúas novelas son moi diferentes entre si, pero ambas están unidas por fíos de temas semellantes, caso do tratamento polo que nos preocupa ás mulleres e do que no pasado apenas se falaba, porque “o pracer era máis poderoso ca o medo”. Supoño que a ninguén lle interesaría que as mulleres tivésemos pracer, e por iso nolo prohibían …

Ambas historias teñen en común o feito de ser contadas desde o lugar que ocupan as protagonistas, dúas mulleres de diferentes idades pero atravesadas e definidas moi claramente polo feito de seren mulleres. Neste contexto, o desexo e a sexualidade son elementos centrais en ambas novelas. Malia que os discursos que reivindican o dereito ao pracer (sexual e non só sexual) das mulleres, a realidade é que o relato predominante segue considerando a sexualidade das mulleres como algo que ocorre en relación ao pracer masculino, case que como un feito secundario ou colateral, non como algo central. E isto está directamente relacionado co xeito en que entendemos os corpos das mulleres como obxectos á disposición do desexo masculino.

Comezas a novela indicando que “Neboeiro é un lugar coma outro calquera, pero baleiro”. As persoas lectoras axiña descubrimos que ese Neboeiro é moi especial pero tamén moi semellante a outros. Por que?

Neboeiro é o universo no que vive a protagonista, moi definido por certos lugares e persoas. Pensaba nas casas da aldea case como personaxes secundarios da historia por todo o significado que adquiren, sobre todo a medida que van quedando baleiras. E malia ser un lugar que podería parecer particular, ao mesmo tempo é tamén universal, porque todas coñecemos unha aldea similar a Neboeiro. Quen vive ou mantén vínculos co mundo rural supoño que coñecerá o seu propio Neboeiro, ese lugar decadente e baleiro onde quedan os restos da vida de persoas que aínda recordamos pero que xa non están. As casas baleiras que coñecemos cando aínda estaban habitadas adoitan conmover, polo menos mentres non nos afacemos á ausencia. As casas abandonadas son lugares en que as ausencias se materializan de xeito evidente e tamén implacable.

As casas abandonadas son lugares en que as ausencias se materializan de xeito implacable”

A novela sitúase nun rural que esmorece pero na que se nomean culpables, e non o idealizas. Esta é unha ollada moi interesante, a de fuxir do bucolismo, ou a min parécemo… Eras consciente cando a escribías ou foi algo natural dada a túa experiencia vital?

Tiña moi claro que non quería dulcificar: nin o rural, nin as protagonistas, nin a adolescencia, nin a vellez. Non existen as vidas perfectas nin os lugares perfectos e o rural está moi lonxe de selo. Está cheo de incomodidades e de desleixo. Non o fixen coa intención de denunciar nada, senón como unha maneira de contar unha historia tratando de entender o contexto en que acontece, o dun incendio nunha aldea. A atmosfera decadente de Neboeiro ten máis que ver cunha intención de comprender que de denunciar.

A protagonista desta novela é unha nena que avanza cara á idade adulta e atravesa unha adolescencia de silencios impostos e de culpa. Cal é o xerme da historia?

Probablemente o xermolo fose a vaga de lumes de outubro de 2017 e, a partir de aí, as fotografías desoladoras que se fixeron durante aqueles días. Víanse moitas imaxes do monte arrasado, animais e coches calcinados nas cunetas, cortes e galiñeiros que arderon por completo co gando dentro e moitas persoas maiores desoladas. E foi a partir de aí como comecei a cavilar na vellez no rural, da falta de servizos, do baleiro nos coidados, o illamento…

Sempre me interesaron as novelas narradas dende a ollada das nenas que miran ás avoas. Aquí tamén se analiza a avoa coma un espello porque a nena medra mentres a outra envellece e cuxa memoria se esvaece. Semella que a nena terma da avoa, ou quere termar. Como foi a creación destas personaxes tan especiais?

A adolescencia e a vellez son momentos vitais que se poderían considerar opostos. As nenas que se fan adultas comezan a adquirir responsabilidades e as persoas que se fan anciás moitas veces perden a súa propia autonomía porque se converten en persoas dependentes. Parécenme posicións difíciles de asumir, cheas de conflitos, e polo tanto interesantes. Neste caso en concreto tamén me interesaba reflectir ese intercambio de roles ao que ambas protagonistas opoñen resistencia: a nena pasa de ser coidada pola avoa a ser coidadora da avoa e viceversa.

Ao longo da novela hai moitas reflexións sobre a vida e o que supón medrar. A nena é un pouco coma todas nós, e por iso conecta con xeracións millenials, non só pola trama senón tamén polas referencias culturais ás que aludes, caso de Xena ou Los Vigilantes de la playa. Como crear algo que é tan noso?

Recordando. Para min foi a opción máis doada, porque se quixese escribir a historia dunha adolescente de hoxe seguro que fallaría. As mensaxes que reciben as adolescentes agora non cambiaron demasiado das que recibían as dos primeiros anos dos 2000, pero si a forma e o contido. Por exemplo, na novela nin se mencionan os teléfonos móbiles nin as redes sociais porque non formaban parte da realidade naquel momento. A novela cambiaría moito se tivese que introducir todo o mundo virtual que ocupa un espazo tan grande nas nosas vidas.

O incendio que aparece no título é físico pero tamén simboliza algo psicolóxico. Supoño que algo terían que ver os incendios do 2017 nas Neves e Nigrán, ou non? Como se relacionan ambas ideas?

Como dicía antes, a orixe da novela é un incendio real, apetecíame falar do que ocorre nas aldeas cando se produce un incendio voraz que as arrasa, a desesperación dos veciños que ven como ese lugar desaparece co lume, pero tamén todas as circunstancias que fan que o medio rural sexa tan inflamable. Logo apareceron outros incendios simbólicos, porque ser adolescente é asistir á desaparición da nena que fuches, é tamén un momento de dó.

E a Perdida, esa cadeliña abandonada que se fai amiga da protagonista. Que nos podes dicir dela?

A Perdida é unha personaxe non humana que me permitía darlle momentos de tenrura e paliar a soidade da nena, pero tamén dos adultos. Os animais son os que nos ven tal e como somos polo simple feito de que non nos xulgan. Non somos nós mesmas diante da nosa familia, nin da nosa parella, nin das amizades, pero si que o somos diante dos nosos cans ou gatos. Para a protagonista, que é unha nena introvertida e acomplexada, non hai mellor compañía que a da súa cadela.

Eu creo que a novela é moitas cousas, tamén unha análise sobre os traumas da infancia e como facemos para sobrelevalos no día a día. Moitas persoas din que os traumas infantís nos marcan toda a vida, que pensas ti?

Penso que certas vivencias infantís se recordan con especial dureza, si, pero non estou segura de como marcan. Supoño que dependerá da persoa. O que creo que é certo é que na adolescencia comezan a revelarse certos aspectos do carácter das persoas, e na mente dun adolescente custa entendelos. Por exemplo, moitas persoas ansiosas ou sensibles comezan a experimentar ansiedade nese momento da vida e normalmente dispoñen de moi poucas ferramentas para entender que lles está ocorrendo. Malia a crenza de que na adolescencia é moi importante a amizade e a cuadrilla de amigos dos que te rodeas, eu penso que é un momento en que a soidade é real e é perturbadora. Escribila pode axudar a entendela, isto é xusto o que fai a protagonista, pero non creo que a resolva. De todos os xeitos, supoño que isto debería contestalo un terapeuta.

Na novela foxes dos tabús sexuais e empregas unha linguaxe que reivindica os corpos das mulleres e os afasta da ollada machista. Falas, por exemplo, dos pelos e da depilación dolorosa, da masturbación e da descuberta do pracer que nos prohibiron. Aínda que cada día se avanza un pasiño máis, moitas cousas non se ven como naturais e algunhas persoas seguen a escandalizarse cando unha muller fala do corpo con liberdade. Supoño que é algo que fixeches coma unha reivindicación, verdade?

Era unha cuestión de verosimilitude. En ningunha casa se emprega a palabra vulva, senón perrecha, peseta, pachocha… Quería empregar a forma de falar que utilizan as mulleres no ámbito doméstico e quería tamén nomear os corpos con naturalidade e esa era a forma. Ás veces falamos de nós mesmas como se fósemos bonecas sen xenitais, pero para min a sexualidade era un eixo central na historia por todos os conflitos que xera na vida dunha adolescente. Eu como persoa reivindico o dereito ao pracer, pero como autora interesábame máis reflectir eses conflitos, non reivindicar. É a nena quen se rebela contra os silencios arredor do seu pracer.

Unha reivindicación tamén me pareceu o uso da linguaxe, con expresións desa avoa que emprega a gheada. Cres que iso axuda a visibilizar a riqueza da lingua galega e a dignificar as persoas que a falamos e a falaron?

Puxen especial interese en recoller expresións propias das persoas maiores que eu coñezo pero que xa non emprego e introducinas nesta novela coma quen custodia un tesouro. Para que a avoa fose verosímil tiña que falar coma unha avoa dunha aldea que podería ser Neboeiro. E o tipo de muller que eu tiña na miña cabeza fala con gheada, era un trazo fundamental do que non podía privala, así que apareceu con naturalidade. A forma de falar é unha cuestión que determina moitos outros aspectos da vida, ao igual que o sexo ou o nivel socioeconómico. Iso está tamén na novela, esa distancia que se produce entre a nena e a profesora que a corrixe cando fala con gheada. Ademais, son consciente de que hai expresións que desaparecerán a medida que vaian falecendo as persoas que as empregan e paréceme moi triste que toda esa riqueza se perda.

Hai expresións que desaparecerán a medida que vaian falecendo as persoas que as empregan e paréceme moi triste”

Como está sendo a acollida da novela? Que che están dicindo as persoas que a len? A quen está chegando?

Estou moi feliz porque a xente a está lendo con moito agarimo e xa está en marcha a segunda impresión. Ademais, moitas persoas se recoñecen nesta protagonista. Penso que ten que ver con esa soidade que non somos quen de nomear cando somos nenas e que agora recordamos e recoñecemos. Miriam Beizana fala disto, de nenas soas que non son conscientes de estalo, cando lle preguntan pola súa magnífica novela A soidade das nenas. Tamén hai moita xente que viviu de preto un incendio e ve plasmada neste libro a complexidade do lume.

En que proxectos literarios anda metida Sara Vila?

Agora mesmo estou pensando e tomando algunhas notas, pero non escribindo. Escribir unha novela require moito tempo de dedicación continuado, esixe ter a cabeza moi libre, por iso o tomo como un traballo a longo prazo para facer con calma.

Desde o teu traballo como responsable de comunicación da editorial Xerais, como ves o estado da literatura galega?

SONRIAS

Temos escritoras e escritores que están a acadar os premios máis relevantes de literatura a nivel estatal e mesmo mundial. Fina Casalderrey, por exemplo, foi este ano candidata a acadar os premios Astrid Lindgren e o Hans Christian Andersen. Os Premios Nacionais están inzados de autores e autoras que escriben en galego e non falemos de galardóns como os premios Lazarillo de literatura xuvenil. Estase facendo literatura de primeiro nivel que se recoñece e se traduce máis alá das nosas fronteiras, poderiamos presumir de ser unha potencia literaria en toda regra. Sen embargo, hai un problema moi serio que cómpre abordar e que ten que ver co emprego do galego. O abandono da lingua está ligado directamente ao ínfimo peso que ten o libro galego nas librarías. Só o 8% dos libros que se venden en Galicia están en galego. Quen non vexa aquí un problema é porque non lle interesa velo. Necesitamos que as administracións tomen en serio esta cuestión porque máis alá de que o coidado da lingua é a súa responsabilidade, a cultura e a literatura son tamén un motor económico que precisa ser dinamizado, do mesmo xeito que se fai co turismo ou co comercio.