Xavi Road (Siloé): “Non somos unha banda de repetir fórmulas”
O dúo vallisoletano Siloé é unha das propostas dos Directos Vibra Mahou para a nosa cidade. Este venres 4 de marzo no Sinatra Coctel Bar, Fito Robles e Xavi Road ofrecerán un concerto no que repasarán a súa discografía e adaptarán o seu ecléctico cancioneiro a un formato máis íntimo. Falamos con Xavi Road, tamén coñecido como XAVSS na súa vertente como DJ. Podes mercar aquí as entradas para o concerto.
En pleno século XXI é ben difícil innovar no eido musical. Xa son décadas e décadas nas que estilos, instrumentos e modas se suceden de maneira constante, polo que semella estar todo inventado. Con todo, existe xente teimosa que segue na procura dun son propio, diferente. É o caso de Siloé, dúo vallisoletano formado por Fito Robles e Xavi Road, quen na actualidade ofrecen unhas sonoridades pouco sementadas en territorio estatal. Unha mestura de canción de cantautor, indie e electrónica discotequeira que presentan, en estudio e en directo, nas súas diferentes facetas: “Non somos unha banda de repetir fórmulas. Nós facemos o que piden as cancións buscando ese punto persoal, e mesturamos estilos pero sempre cunha esencia melódica”, comenta Xavi Road.
Un repaso á súa discografía, formada por tres álbumes e unha revisión do último, ilustra esta afirmación do músico. La verdad, publicado en 2016, pouco ten que ver con Metrópolis, lanzado en 2020. Ambas zumegan emoción, melodía e pop, pero de maneiras distintas. Se no primeiro abundan os medios tempos de corte indie, no segundo priman os ritmos electrónicos bailables: “No proxecto sempre xogamos moito co concepto de dualidade. O acústico e o electrónico. A melancolía e a euforia. Gústanos camiñar nos extremos, é parte do noso ADN”, explica o tamén DJ e produtor. Siloé fuxe das medias tintas, da terra ninguén, con cancións que buscan transmitir emocións sen titubeos: “Se a canción é triste que sexa moi triste; e se é eufórica, que sexa moi eufórica”, simplifica, sen escapar dos contrastes de música alegre/letra triste, ao puro estilo The Cure.
Debido ao seu espíritu heterodoxo, a banda pon sobre a mesa diferentes opcións para os espectáculos en directo. Para este fin de xira de Metrópolis da man de Vibra Mahou, Siloé aparca o formato festivaleiro e ofrecerá na sala Sinatra un máis íntimo e reducido, en acústico e á luz das candeas. Da mesma maneira, o seu próximo álbum Paradiso, que verá a luz este ano, será triple: un coas cancións en formato normal, outro en acústico e un terceiro en formato remix, que contará coa colaboración de famosos produtores e DJ: “Neste novo traballo queremos que os produtores tamén sexan artistas, non só os cantantes”, finaliza.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024