Xabier Fortes recolle a súa paixón futboleira en ‘Crónicas cancheras’
Este venres 28 ás 20:00 no salón de actos do Museo Marco o xornalista pontevedrés Xabier Fortes estará falando sobre deporte (especialmente fútbol) e política xunto a Fernando Franco. Ambas paixóns vense ben reflexadas no seu último libro, Crónicas cancheras (Ézaro Ediciones), unha recompilación de columnas publicadas en diferentes medios onde o profesional da comunicación verte o seu coñecemento balompédico e o seu sentido do humor. Podes adquirir aquí o libro.
Normalmente o rostro de Xabier Fortes está ligado ao ámbito da actualidade e da política: moderador de debates electorais a nivel galego e estatal, director e presentador de La noche en 24 horas e Los desayunos de TVE, membro do Consello de Informativos de TVE… Tamén goza dunha ampla traxectoria como documentalista, con 12 filmes de temática variada ás costas. Ao longo destes anos foi galardoado cun Micrófono de Oro e un Ondas polo seu labor como presentador e reporteiro.
Aínda que con menor frecuencia, tamén se prodiga no xornalismo deportivo, especialmente no Diario de Pontevedra e no As. Estas columnas de opinón, marcadas pola súa retranca e unha profunda subxectividade, aparecen recollidas no seu debut editorial, Crónicas cancheras. Un compendio de decenas de artigos nos que Fortes fai patente a súa paixón latente polo deporte, en especial o fútbol. Os dous equipos da súa vida, o Pontevedra e o Barça, protagonizan gran parte dos escritos, mais tamén hai espacio para a Selección Española, a Real Sociedade, o Deportivo, o Atlético de Madrid e, por suposto, o Celta, equipo polo que sente unha forte ligazón. Outras disciplinas, como balonmán, baloncesto ou ciclismo tamén teñen representación neste personalísimo ollar ao mundo do deporte.
Unha das cousas que máis sorprenden ao ler Crónicas cancheras é a memoria do seu autor. Polo que repite en varias ocasión, e confiamos na súa palabra, Fortes evita recurrir a Google ou demais fontes para comprobar certas informacións (resultados, goleadores, anos, trofeos, ascensos…) que garda na súa cabeza con chave. O propio Santiago Segurola, responsable do prólogo, tamén destaca esta capacidade sobrehumana do xornalista galego, quen semella ter unha hemeroteca gravada a lume na súa memoria.
O escritor non disimula en ningún momento esa chama que sinte polo fútbol, pero sempre desde unha perspectiva de amor polo deporte e contraria aos hooligans e violentos, tan comúns e tan daniños. Moitos destes episodios aquí recollidos mestúranse con divertidas anécdotas persoais, polas que desfilan a súa muller, fillos, o xornalista e escritor Manuel Jabois, Alfredo Relaño, Tomás Roncero e ata Mariano Rajoy. Ao tratarse dun conxunto de columnas inconexas entre si, algunhas destas curiosidades ou referencias repítense unhas cantas veces ao longo das páxinas (así como a pequena obsesión que o autor lle profesa ao JB), algo quizais evitable de ter pasado por un proceso de edición algo máis concienciudo. Outro aspecto negativo, ademais da ausencia de índice, é a súa portada, que non transmite en absoluto ese latexo apaixoado e futboleiro do galego. Revistas como Panenka e Líbero e editoriais como Libros del KO veñen demostrando todos estes anos que o fútbol e a estética non teñen por que ser incompatibles.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024