Willy Toledo: “Gústame ‘Fariña’ porque non escatima en sinalar á Policía ou ao PP como colaboradores do narcotráfico”
O polémico actor Willy Toledo visita hoxe os Multicines Norte para presentar El Rey, unha película de Alberto San Juan e Valentín Álvarez baseada na obra de teatro homónima. O actor e activista falou alto e claro, como acostuma, sobre a situación política española dos últimos anos, e tamén da súa propia, relegada ao ostracismo profesional debido ás súas controvertidas declaracións.
Vés a Vigo presentar El Rey, unha película que resume con certa ironía a historia recente de España. Pensas que o humor é a mellor maneira de sobrelevala?
En realidade a película non é unha comedia, para nada. O sentido do humor por suposto que existe nalgúns momentos, pero fuximos da comedia e da parodia. É un filme bastante escuro, sinistro, duro e perigoso. Que se vexa na pantalla o perigo do franquismo desta non-democracia neofascista que estamos a vivir.
E como foi meterse na pel de Felipe González, Juan de Borbón o Cebrián?
Pregúntanmo moito, pero non teño ningunha técnica interpretativa especial, sencillamente aprendo os textos e os digo. É o mesmo interpretar a Felipe González que a Felipe II. Tes que xustificar as súas palabras, nunca xulgar o que di, e tes que crerte as palabras terribles e brutais que din Felipe González ou Carrero Blanco, ao que tamén interpreto na película. Non xulgalos, non caricaturizalos nin parodialos, simplemente parecer un dereitista como Felipe González.
Gustaríache ter interpretado a Juan Carlos I ou a Franco?
Dáme igual. Teño unha satisfacción persoal coa película porque interpreto aos dous únicos personaxes da esquerda que aparecen, Puig Antich e Chicho Sánchez Ferlosio. Estou bastante contento por ter interpretado a Felipe González, que forma parte fundamental da miña lista negra, un dos personaxes máis despreciables da política deste país desde os anos 70. Con ese xa me quedei bastante a gusto.
A qué personaxe da política española actual gustaríache encarnar?
Encantaríame ser un obispo, por exemplo. Que é algo que boto en falta na película, moita xente nolo comentou. Faltounos esa institución fundamental para entender este país e para entender a non-transición cara a non-democracia. De feito temos pendente, non sei se en teatro ou cine, facer uha historia sobre a influencia da Igrexa Católica Apostólica Pederasta e Romana neste país na política desde sempre. Ese personaxe que non existe na película si que me gustaría telo feito.
E nesa futura obra da que falas, poderiamos verte interpretando á Virxe María?
(Risos) Está compricado, porque as personaxes de fábula son difíciles de facer. Pero bueno, estou disposto a todo. De feito, este ano ofrecéronme facer da Virxe María no belén de TV3 en plan broma pero non puido ser, que tiña cousas que facer.
Cres que se podería facer unha película como El Rey pero cambiando o contexto ao actual?
Si, poderíase e deberíase facer. Se de algo carecemos gravemente neste país no audiovisual e no teatro son espectáculos e películas que se comprometan decididamente co seu tempo histórico. Desde que comezamos coa compañía de teatro Animalario en 1994 sempre tivemos unha máxima e esa é que non podiamos permitir que existise separación entre o teatro e a rúa. Todos os medios audiovisuais e teatrais deberían analizar a situación actual utilizando as súas ferramentas. É algo que boto en falta, que se fale da situación real que estamos a vivir, agora ou nos últimos anos. Unha serie como Fariña está bastante ben porque non escatima en sinalar á policía, á Garda Civil ou ao Partido Popular como colaboradores do narcotráfico. Ese é un camiño que deberiamos seguir.
Fíxate en Norteamérica, se algo teñen, xa que nos levan 50.000 anos de vantaxe, é que reflicten nas súas obras artísticas a situación política ao instante, xa sexa para criticala ou para alabala. Xorde a Guerra de Irak e hai 35 películas sobre iso, 34 son favorables e cunha mensaxe absolutamente imperialista, para iso ten o Pentágono a decenas de infiltrados entre os guionistas de Hollywood. Pero sempre haberá unha ou dúas que son moi críticas co goberno norteamericano.
A crítica recibiu bastante ben El Rey. Que tal o está a recibir a xente?
O da crítica non o sei porque nin a lin, non me interesa demasiado o que digan os críticos. Eu estou moi contento coa película e con iso bástame. O público está respondendo bastante ben. Mira que pensabamos que teriamos que comernos con patacas a película e subila a YouTube, pero non. Estreouse en dez cidades de momento, e en Madrid xa leva seis semanas na carteleira. Xa só iso é un triunfo, o público está a responder.
Tivéchedes algún problema para proxectar o filme nalgunha sala ou festival debido ao seu contido?
Para empezar, a película a distribúe unha compañía moi pequeniña de Cataluña, o resto non quixeron saber nada. Estamos a sobrevivir grazas a xente valente, ten narices que sexa preciso ser valente para apoiar unha película, pero hai que selo. Certos cines nalgunhas cidades están a apostar de forma individual pola película, arriscando moito, ou xente como a Asamblea Republicana de Vigo, que son os que nos trouxeron aquí para proxectala. Sobrevivimos grazas á solidariedade dos compañeiros e das compañeiras de militancia e empresarios de cine que decidiron apostar polo filme, imaxino que con certa afinidade ideolóxica. Por sorte non están a aparecer 500 fascistas na porta de ningún cine para boicoteala.
Sentes que nos últimos anos pecháronseche moitas portas profesionais debido ás túas opinións?
Non é que o sinta, é un feito empírico. Fai 5 anos que eu non firmo nin unha soa película remunerada neste país, cando antes ofrecíanme entre 5 e 10 películas todos os anos. As últimas que fixen foron Historias de Lavapiés e El Rey, que fixemos por amor á arte e por conciencia política. E nesas estamos. Non é unha sensación, é unha realidade.
Fíxate, que a min acúsanme de defender reximes dictatoriais onde se persegue a liberdade de expresión como Cuba ou Venezuela e resulta que min me pagan con esa presunta mesma moeda, cando alí iso non pasa, polo menos en Venezuela. É unha paradoxa.
Tes máis proxectos para este 2019?
Pois de momento nada, absolutamente nada. Estou a darlle voltas a un monólogo que levo anos querendo facer e de momento non sae nada. Presentar El Rey e levala ao maior número de sitios posible.
Non sei se estiveches ao tanto de todo o tema da iluminación de Nadal en Vigo e se tes algunha opinión ao respecto.
A miña opinión é que temos que construir un gulag moi bonito para o señor Alcalde e metelos nun bo programa de reeducación e sacalos listos e preparados para a vida moderna.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024