CAMELIAS MASCOTAS

Vudú inaugura as Sesións Anecoicas do Sinsal Primavera 19

Onte á tarde o dúo coruñés Vudú (formado por Belém Tajes e Maritxinha) inaugurou as Sesións Anecoicas do Sinsal Primavera, unha experiencia diferente na que tanto as artistas como o público enfróntase por primeira vez a unhas condicións sonoras especiais.

As Sesións Anecoicas son uns dos grandes atractivos destes festivais satélite que propón Sinsal ao longo do ano. Estas experiencias teñen lugar na cámara semianecoica da Facultade de Telecomunicacións de Vigo, no CUVI, cuxo aforamento redúcese a unhas 15 persoas por quenda. Dicimos semi porque as catro paredes e o teito están recubertos cunhas pranchas metálicas recheas dunha escuma illante, mais non o chan.

David Santos, que ademais de músico en bandas como Cró! ou Es Un Arbol é un dos encargados desta sala, comentaba que para “convertela” en anecoica, moitas veces colgan un micrófono dunha corda e orientan o amplificador cara o teito, facendo así que o chan afecte o menos posible a calidade do son.

Pero que ten de especial esta pequena sala? A cámara semianecoica é un espazo deseñado e recuberto para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas, no que practicamente non hai eco nin reverberacións. Este proxecto naceu a finais de 2014 coa colaboración entre o Festival Sinsal, o Museo MARCO e o laboratorio de acústica organizado polo centro de investigación Atlanttic na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. 

REVISTA NOVEMBRO

Tanto o público como os artistas invitados, case unha vintena ata agora, comentan o estraño da experiencia, xa que ao non existir ningún tipo de eco, calquera son emitido por un instrumento ou pola voz escóitase con moita máis precisión e claridade do normal. Incluídos os erros, algo que suma moita máis presión aos músicos.

As Sesións Anecoicas divídense en dúas quendas de aproximadamente media hora cada unha. No caso de Vudú, as coruñesas interpretaron tres cancións dentro da cámara e unha máis nunha sala anexa, cuxas condicións sonoras eran totalmente opostas. Desta forma, os e as asistentes poden comparar de primeira man a enorme diferenza entre unha sala sen reverberacións e outra con moitísimo eco. Entre cada tema, tanto as artistas como o público poden intercambiar as súas opinións respecto ás particularidades do son.

O Festival Sinsal Primavera 19 continúa cos concertos de Tashi Wada Group feat. Julia Holter & Corey Fogel o 14 de abril, a homenaxe a Chavela Vargas de Dorian Wood o 18 de abril e, por último, a Sesión Anecoica da banda viguesa Eladio y los Seres Queridos, o 22 de maio, para a que xa quedan poucos ocos libres.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.