Volve Solpor Monteferro a próxima fin de semana
Música en directo mentres o sol se esconde entre as Cíes. Esa é a tarxeta de presentación de Solpor Monteferro, o festival de Nigrán que se celebra a próxima fin de semana e conta coas actuacións de Eladio y los seres queridos, Isius, Roma, Tinta e Bafana Bafana.
A quinta edición de Solpor Monteferro volve ao seu emprazamento orixinal, tras ter que ser trasladado o ano pasado ao espazo público de Gaifar pola situación sanitaria. O evento terá lugar os días de 2 e 3 de xullo e reunirá as actuaciíns de Eladio y los seres queridos e Isius o venres a partir das 19.00 horas e Roma, Tinta e Bafana Bafana o sábado a mesma hora. O acceso é gratuíto pero o aforo está limitado a 500 persoas cada un dos días, polo que é necesario reservar entrada para poder acudir. Os interesados deberán inscribirse no email atencioncidada@nigran.org antes do xoves 1 de xullo ás 13:00 (máximo de dúas entradas por solicitude e indicando para qué día ou días sería, nome e apelidos dos asistentes e teléfono de contacto)
Tal e como xurdíu no 2017, o obxectivo é gozar da música ao aire libre nunha contorna privilexiada, no cumio de Monteferro, un palco proxectado cara ao Atlántico sobre o máis grandioso dos escenarios. Neste enclave único,
fronte ás Illas Estelas, entre as caricias da brisa mariña e os aromas de sal e monte, os “solpores” permitirán vivir realidades musicais aumentadas: un xeito distinto de desfrutar dun concerto, cos cinco sentidos postos na contorna e
sumando ao ritmo das ondas o das mellores actuacións en vivo.