VIALIA
bannerPicnicSesions

Nigranjazz ofrece a próxima fin de semana a súa edición máis feminina

Tres das catro formacións que compoñen o cartel do Nigranjazz están lideradas por mulleres. O festival nigranés dirixido polo tamén músico Felipe Villar, volverá encher de boa música o Esteiro da Foz o 29 e o 30 de xullo.

A XVI edición do Nigranjazz no espectacular escenario ao aire libre do esteiro de A Foz coa presencia dos músicos con maior proxección internacional e na que será, ata a data, a súa edición máis feminina. Así, tres das catro formacións invitadas están lideradas por mulleres: a pianista catalá Lucía Fumero, a guitarrista e compositora letona Ella Zirina e a cantante Eve Cornelius, bandas ás que se suma o guitarrista franco- galego Wilfried Wilde (que tamén conta con mulleres no seu quintento). As tradicionais jam-sessions volverán a celebrarse no propio esteiro de A Foz tras os concertos e a master-class será a cargo da cantante americana Eve Cornelius o sábado 30 ás 12:30 horas no Auditorio do Concello; para participar é necesario cumprimentar este cuestionario.

Este ano ademais podemos visitar na fábrica e punto de venda da cervexeira local Banda/Triskale en Porto do Molle unha exposición dos carteis das 16 edicións do festival. A exposición pode visitarse ata o 29 de xullo de luns a xoves de 11:30 a 19:00h e os venres ata as 21:30h.

PROGRAMACIÓN DO FESTIVAL:

Venres 29
21h – WILFRIED WILDE QUINTET
(Xan Campos: Guitarra e Composición, Charley Rose: Saxo, Xan Campos: Piano, Yudit Almeida: Contrabaixo e Iago Fernández: Batería).
O guitarrista franco-galego Wilfried Wilde está graduado no Conservatorio Superior do País Vasco, MUSIKENE, e será o encargado de abrir o festival co seu quinteto. Esta será unha despedida de Wilfried de Galicia, xa que se mudará a Suiza tras ser seleccionado para o programa educativo Focusyear, proxecto anual adicado a acadar a excelencia musical mediante a tutorización dos mellores maestros internacionais.

REVISTA ABRIL

22:30h – LUCÍA FUMERO TRÍO
(Lucía Fumero: Piano e Voz, Martin Leiton: Contrabaixo, Juan Rodriguez Berbín: Batería).
A continuación actuará a pianista catalá Lucía Fumero co seu trío, Fumero foi galardoada co 1er Premio de Juventudes Musicales de España en Jazz 2020 e é a flamante gañadora do Premio Artista emergente 2021 pola Plataforma Jazz España.

Sábado 30
21h – ELLA ZIRINA TRÍO
(Ella Zirina: Guitarra, David Macchione: Contrabaixo, Eloi Pascual: Batería).
A segunda xornada, abrirá coa guitarrista e compositora letona Ella Zirinae, graduada recentemente en Amsterdam cos máis altos honores e actualmente traballando con BIMHUIS en Amsterdam para o proxecto “Young Starters”, así como co JazzFest Amsterdam para o proxecto “Young Makers” .

22:30h – EVE CORNELIUS QUARTET
(Eve Cornelius: Voz, Telmo Fernández: Guitarra, Pat Bianchi: Órgano Hammond e Jason Brown: Batería).
Pola súa banda, a cantante americana Eve Cornelius porá o broche de ouro ao festival cunha voz que recorda totalmente ás grandes divas do jazz, soul e el r’n’b. Cornelius gañou o premio BET Jazz Discovery e desde entón traballou con figuras da talla de Ramsey Lewis, Chucho Valdés, Mulgrew Miller, Norman Connors, Roy Hargrove…