Volve o Outono Lírico con dúas obras de primeiro nivel
Xa coñecemos as dúas obras e demais actividades que conforman o cartel desta tempada do Outono Lírico, festival que cumpre 13 anos. Estas dúas representacións de máximo nivel serán El Holandés Errante, de Wagner, e Macbeth, de Verdi, e estarán acompañadas por un ciclo de conferencias e outro de cine, ambos de balde.
O Outono Lírico segue medrando ano tras ano, ofrecendo unha programación ambiciosa e de prestixio internacional. O primeiro dos espectáculos será El Holandés Errante, de Richard Wagner, que terá lugar o 29 de setembro ás 20:30 no Teatro García Barbón. É a primeira obra deste autor que programa a organización Amigos de la Ópera, e tamén será o debut en España de dos grandes actores como Alexandre Krasnov e Eduard Martynyuk, que estarán acompañados por Richard Wiegold, Maribel Ortega, María L. Corbacho e Moisés Marín. A música correrá ao cargo da Real Filharmónica de Galicia e o seu Coro, dirixida por Paul Daniel.
A segunda ópera deste Outono Lírico será a famosa Macbeth, de Giuseppe Verdi, o 4 de novembro ás 19:30, e será unha obra organizada e montada integramente por Amigos de la Ópera. Ademais de actores de primeiro nivel nacional, contaremos con tres galegos: Marina Penas, Pedro Martínez-Tapia e Pablo Carballido. A parte musical, dirixida polo tamén galego Diego García Rodríguez, será 100% autóctona: a Orquestra Sinfónica Vigo 430 e o Coro Rías Baixas.
Desde a organización destacan a calidade da programación e das orquestras e filharmónicas da terra, ao nivel das mellores. O prezo das entradas, que se poderán mercar neste enlace, estarán entre os 16 e os 36 euros, cantidade bastante asequible tendo en conta o nivel destas óperas.
Ademais destes dous eventos, haberá un ciclo de conferencias relacionadas con estas obras con invitados de renome: La maldición romántica: El Holandés Errante, con Enrique Gavilán, o 26 de outubro; De Tamerlick a Amigos de la Ópera: la aventura de la lírica en Vigo, con Carlos E. Pérez, o 19 de outubro; A Propósito de Macbeth, con José Luis Téllez, o 2 de novembro; e La vida y arte de Hans Hotter: una flecha en el tiempo, con Victoria Stapells e Arturo Reverter, o 6 de novembro. A primeira será no Teatro Sala de concertos Afundación, ás 20:00, e o resto na Sala de Conferencias do Centro Social Afundación, ás 20:00, todas elas de balde. Gratis serán tamén as dúas proxeccións que haberá no Auditorio do Concello: Pandora y el holandés errante, de Albert Lewin (9 out.), e Macbeth, de Orson Welles (23 out.), ambas ás 20:00.