VIALIA
PLAYDOC

Volve Gastro Movida Summit para impulsar a gastronomía galega

Mesas redondas, competición de startups ou un campus wine serán algunhas das actividades que se desenvolverán os días 19, 20 e 21 de novembro no Tinglado do Porto. Deseñado “por e para a industria”, o evento consolídase na súa segunda edición como escaparate para chefs, establecementos e propostas innovadoras do ámbito gastronómico e alimentario.

Cata de viño na primeira edición do Gastro Movida | Cedida

A segunda edición do congreso gastronómico Gastro Movida Summit, que se celebrará os días 19, 20 e 21 de novembro en Vigo, reunirá a referentes da industria gastronómica galega para poñer en valor e reivindicar o produto de proximidade que ofrece o mar e a terra de Galicia. Deseñado “por e para a industria gastronómica”, en palabras de David Suárez, o seu principal impulsor, Gastro Movida Summit pretende converterse nun movemento social da cidade e un vehículo para xerar e potenciar unha “movida real” dentro da industria gastronómica galega, xa que a pesar de estar só na súa segunda edición é xa un escaparate para chefs, establecementos e propostas innovadoras do ámbito gastronómico e alimentario.

O congreso está comisariado, do mesmo xeito que a súa primeira edición, por Rafa Centeno, chef do restaurante Maruja Limón, cunha estrela Michelín, e Juan Figueroa Treus, hostaleiro e presidente de Catadores Galegos. Ademais de estar aberto ao público en xeral, as mesas redondas e relatorios serán emitidas en streaming a través da súa web.

Programación

A primeira xornada celebrarase integramente en liña e contará coa presenza de Ana Prieto e Marco Soriano, influencers responsables do blogue La cocina es vida e colaboradores gastronómicos de La Voz de Galicia e Radio Voz; Miguel Álvarez, empresario e fundador de Norfood; e Alberto González, chef do restaurante Silabario, cunha estrela Michelín.

Na mañá do luns, haberá un pase privado experiencial para profesionais do sector nas instalacións da escola de formación Harina Blanca. Pola tarde, ás 17:00 horas, celebrarase a primeira mesa redonda sobre márketing na que participarán Lucía González, directora de márketing de Place In; Jessica Rey, directora de Marketing de CLUN; Xosé Luis Reza, socio e director de Marketing en IUNI, presidente fundador de Markea e director de Amigos da Cociña Galega; e Jorge Pallares, director de Marketing de Adegas Martín Códax.

Ás 18:00 horas, celebrarase a mesa de cociña tradicional de Amigos da Cociña Galega composta por Francisco Javier Outomuro, presidente de ACG e propietario do restaurante A Taberna en Ourense; Orlando Pérez Silva, do Mesón Rías Galegas en Leganés; Antonio Lorenzo Gay, chef de A Faragulla, en Chantada; e Rafa Centeno, chef de Maruja Limón.

Que é un speakers’ corner ou un campus wine?

A cada vez máis común utilización de terminoloxía anglosaxoa pode facer que non saibamos moi ben de que estamos a falar. O Speakers’ Corner é un recuncho situado no parque londinense de Hyde Park onde se permite falar en público. No mundo empresarial este temo utilízase para referirse a reunións onde cada un dos participantes ten cinco minutos para presentar o seu proxecto, con bloques temáticos de 15 minutos. Esta actividade terá lugar o luns ás 19:00.

Pola súa banda, un campus wine é un espazo do congreso dedicado ao mundo do viño onde teñen cabida adegas, enólogos, catadores, distribuidoras e tamén amantes do viño en xeral. Poderase asistir á cata comentada este martes con entrada baixo reserva vía Woutick.

REVISTA ABRIL

En canto ao resto da xornada do martes, á primeira hora celebrarase a inauguración institucional e, acto seguido, ás 9:30 horas, haberá unha mesa sobre a industria na Ría de Vigo, na que estarán presentes distintos representantes de Autoridade Portuaria de Vigo, empresas do Porto de Vigo e chefs. Ás 10:20 horas, haberá unha mesa sobre formación composta por Xaime Rodríguez, xerente da escola de hostalería Harina Blanca; así como diferentes responsables do ciclo de hostalería IES Manuel Antonio e outros casos de éxito froito da formación en escolas galegas. Ás 11:10 horas, está programada unha mesa sobre internacionalización composta polos chefs Borja Martiño, de Xef Oslo, en Noruega; Andrés Medici, propietario e chef de Purosushi; e Óscar Gutiérrez, chef de Crudeza.

A partir das 12:15 horas, celebrarase Gastro Movida Impulsa, unha competición de startups (empresas de nova creación) para fomentar o emprendemento e a innovación. Un grupo de expertos realizarán preguntas para sacar o máximo partido ás súas intervencións.

PREME AQUÍ PARA CONSULTAR TODO O PROGRAMA