Volve a música aos pazos de Nigrán con artistas como Coque Malla, Carlos Sandness e Iván Ferreiro
Nace Espazo Fest, un festival que quere pór en valor os pazos históricos de Nigrán e que durante os meses de xullo e agosto traerá as actuacións de Taburete, Carlos Sadness, Iván Ferreiro, Marlango, Coque Malla e Mclan aos pazos de Cea, Urzáiz e Touza.
Este verán os pazos do concello veciño de Nigrán volverán encherse de música grazas a Espazo Fest. Un novo festival que pretende aunar música e actividades relacionadas co patrimonio arquitectónico, a botánica, a gastornomía e incluso a astronomía para dar a coñecer e pór en valor estes enclaves históricos que normalmente están pechados ao público. As actuacións que se desenvolverán nos meses de xullo e agosto teñen un aforo de 1000 persoas. Polo de agora hai seis artistas confirmados: Taburete (31 de xullo), Carlos Sadness (30 de xullo) e Iván Ferreiro (31 de xullo) Marlango (5 de agosto), Coque Malla (14 de agosto) e Mclan en versión dúo acústico (27 de agosto);
pero nos próximos días anunciaranse novas incorporacións ao cartel.
Espazo Fest é un evento que nace cunha dobre vocación. Dunha banda, ofrecer unha experiencia diferente nas espléndidas fincas de cada pazo. Doutra banda, achegar ó público un excepcional patrimonio ás veces totalmente descoñecido. O festival está concebido para que os asistentes poidan desfrutar de actividades diversas e degustacións gastronómicas nas horas previas e durante a actuación principal. Deste xeito, trata de dar un novo concepto á idea das actuacións de La Fiesta, desenvolvidas en veráns pasados no Pazo de Cea, que foi a orixe deste proxecto.
Estas actividades, entre as que haberá videoinstalacións, performances e actuacións musicais de pequeno formato acompañadas de gastronomía, estarán pensadas para permitir que o público faga un percorrido nas fincas dos pazos e poida descubrir xoias do noso patrimonio. Atoparase, así, desde árbores senlleiras do patrimonio botánico como camelias e magnolios centenarios, ata fontes blasonadas, pasando por hórreos señoriais, capelas ou lagares onde se facía viño hai xa máis de douscentos anos.
Todos os concertos terán lugar ó aire libre en espazos acondicionados para acoller arredor de 1.000 persoas sentadas, co distanciamento requerido e todas as medidas de seguridade. As entradas para os concertos están á venda a partir deste mércores, 23 de xuño, na billeteira electrónica teuticket.com e os prezos oscilan entre os 25 euros para os concertos de Carlos Sadness e Marlango ata os 35 euros dos concertos de Taburete, Iván Ferreiro, Coque Malla e M Clan. As persoas que merquen as 250 primeiras entradas de cada concerto terán un desconto de 5 euros en cada entrada.
LISTA COMPLETA
30/7 Carlos Sadness (Urzáiz)
31/7 Taburete (Urzáiz)
31/7 Iván Ferreiro (Cea)
5/8 Marlango (Touza)
7/8 Tequila (Urzáiz)
14/8 Coque Malla (Cea)
21/8 Depedro (Urzáiz)
27/8 MClan acústico (Cea)