VIALIA
bannerPicnicSesions

O Espazo Fest volve encher os pazos de Nigrán de música

O Espazo Fest, que se celebrou con gran éxito por vez primeira o pasado verán, terá unha segunda edición este ano entre os meses de xullo e agosto nos pazos nigraneses de Urzáiz e de Cea. No More Bullshit, Taburete, Soto Asa, Pol 3.14 e The Soul Jacket serán os artistas encargados de levar música a estes fermosos espazos. As entradas xa están á venda.

REVISTA ABRIL
Taburete actuando na primeira edición do festival | Espazo Fest

Espazo Fest naceu o pasado ano como unha alternativa ao aire libre, para poder gozar os concertos malia as restriccións da pandemia. O concepto do festival pasa pola música nos xardíns dos pazos de Nigrán cunha conexión coa gastronomía e o patrimonio. A idea tivo unha gran acollida, e máis de 6000 persoas pasaron pola primeira edición do festival, que contou con artistas como Iván Ferreiro, Coque Malla, Marlango, Carlos Sadness ou La Bien Querida. Este ano tamén está previsto a presenza de bandas locais, seguindo a filosofía de combinar artistas consagrados con oportunidades para grupos emerxentes.

Estas actuacións, que teñen lugar antes da principal, lévanse a cabo en pequenos recunchos con encanto dos pazos: hórreos, pombais, lagares ou fontes blasonada. A proposta do festival é vivir unha experiencia singular na que a música sexa un reclamo para achegarse a ese tesouro pouco coñecido, e habitualmente pechado ao público, que é o patrimonio arquitectónico dos pazos. Cada unha das actuacións terá un aforo máximo de 2000 persoas de pé, e nas vindeiras semanas está previsto o anuncio de novos grupos.

Ademais da xa anunciada presenza de Taburete no Pazo de Cea o 5 de agosto, súmanse por agora catro datas máis no cartaz do festival. A cantautora local Roma abrirá para a banda madrileña esa noite. As catro actuacións restantes terán lugar nos espléndidos xardíns do Pazo de Urzáiz. O 22 de xullo terá lugar a primeira delas coa potente banda de versións rock No More Bullshit; o 6 de agosto chega Soto Asa, unha das rutilantes estrelas da música urbana actual, que xa ten colaborado con Yung Beef ou con Bad Gyal; o 12 de agosto será a quenda de Pol 3.14, artista que se converteu nun fenómeno de masas co tema ‘No Time’, que funcionou como banda sonora da última tempada da popular serie La Casa de Papel; e o 13 de agosto está confirmada a vibrante banda de rock e soul viguesa The Soul Jacket, que presentarán o seu novo traballo Kick Radio. Estarán precedidos da actuación da viguesa MaríaSOA, quen xa actuou como abreconcertos de Ángel Stanich no Festival TerraCeo.