REVISTA ABRIL

Volve a merdeirada, o entroido de noso

Para evitar a desmemoria e co obxectivo de manter viva a cultura propia, tres veciñas levan anos traballando para recuperar o merdeiro como figura popular do entroido vigués. Adriana, Lorena e Montse forman, xunto a outras persoas, a Asociación Etnográfica A Merdeira. A través dela preparan actividades para difundir esta figura e tamén se converten en merdeiras merdeiros cada entroido para varear ben á xente por todo o caso vello, tal e como acontecía tempos atrás. Así, neste entroido, o personaxe tradicional vigués volve ás rúas por décimo terceiro ano consecutivo. A orixe desta figura atópase na ribeira do Berbés, nacendo como un escarnio da xente do mar cara aos labregos do extrarradio, que ían á ribeira buscar o escabiche, os restos do peixe, para aboar os campos. De aí que a figura tamén recibise o nome de escabicheiro.

Adriana del Río, historiadora da arte e membro da Asociación Etnográfica A Merdeira, conta como esta figura se recuperou desde o mesmo sitio en que naceu, O Berbés, logo de que Xerardo F. Santomé achegase o seu estudo sobre o merdeiro ao centro social A Revolta. Desde aí, e en colaboración con integrantes da Asociación Veciñal do Casco Vello, comezaron os traballos para revivir o merdeiro. Ao estudo de Santomé, con noticias da época, seguiulle o traballo de campo. «Fomos entrevistando persoas que aínda recordaban o merdeiro, maiormente eran mulleres» comenta Adriana, «Lembrábano con cariño, como algo da infancia, pero tamén o describían como unha persoa moi dura. De feito, escapaban do merdeiro por medo a que as varease». Adriana salienta entre as testemuñas recollidas, a dunha muller «á que vareamos nunha merdeirada e que nos comentou que tivera o traxe de merdeiro do seu avó no faiado e que, despois de morrer el, a avoa tamén o poñía para asustar ás netas». A descrición destas fontes sobre o traxe, e a foto do Arquivo Pacheco dun merdeiro con carauta, serviron de guía para recuperar a figura de maneira fiel á orixinal.

Prohibición e perda da tradición popular

O entroido popular galego era algo incómodo para os poderes, xa que se trataba de algo incontrolable que facía mofa da autoridade. O merdeiro foi prohibido despois de producírense uns altercados nos anos 20 que remataron con detidos. Ademais, nesta época deuse un claro intento, explica Adriana, de substituír o entroido polo carnaval, isto é, de mudar a burla e a desorde da festa popular por unhas festas máis ordenadas e burguesas, ao estilo veneciano.

Chaleco, liño e a varear!

Para que todo vaia acorde co traxe tradicional que empregaban os merdeiros, Montse Carreiro encárgase de manter en condicións a vestimenta. Na asociación, ademais, contan con chalecos e prendas para as persoas que comecen na arte de merdeirar. Montse elaborou varios traxes para os que se baseou en dous modelos de vestimenta recollidos nos estudos sobre o merdeiro. O primeiro foi o modelo máis sinxelo, consistente en camisa e pantalóns de liño e chaleco. «Logo guieime polo modelo recollido polo historiador Xaquín Lorenzo», no que o traxe se compón de polainas, cirolas como as dos gaiteiros, pantalón de liño curto, chaleco de pano coa parte de atrás de liño e camisa tamén de liño.

O proceso creativo da mascarada viguesa

REVISTA ABRIL

A carauta do merdeiro, co obxectivo de caricaturizar ás xentes da terra, leva as expresións faciais ao grotesco para infundir medo. Lorena Oujo comezou a colaborar no 2015 coa Merdeira, impartindo os obradoiros de creación da máscara. O elaborado proceso que hai detrás da carauta consiste en moldear o barro para obter o negativo, logo imprégnase e tínguese para finalmente colocar os complementos, como unha cofia de tea ao estilo dunha carapucha, sobre a que se apega con cola a la. Na parte superior colócase un reforzo de coiro para protexer da chuvia a base de cartón. Na parte inferior levan unha barba de coiro cosida, para ocultar a identidade de quen a porta. Nos obradoiros titorados por Lorena cada participante elabora a súa propia máscara desde cero. É por iso que cadaquén ten unha máscara diferente, personalizada e adaptada á súa fisionomía.

Alberte Mera
Redactor

[Este artigo está publicado na revista A Movida de marzo de 2019. Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de forma gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.

Alberte Mera

Coa paixón na comunicación, o audiovisual e o deseño, Alberte Mera é consultor de comunicación en Vigo, cidade onde naceu no 87. Despois de licenciarse pola UVigo en Comunicación Audiovisual, ampliou a formación co Máster en Comunicación e Industrias Creativas e co certificado de profesionalidade de Márketing e Comunicación. Ten dirixido varias longametraxes documentais e colabora na organización de iniciativas sociais e culturais.

Últimos posts de Alberte Mera (ver todos)