CAMELIAS MASCOTAS

‘Volátil’, Constance Hurlé e Paulo Maestro na Sala Kominsky

Constance Hurlé | Foto: Aldo Paolo

O último domingo de cada mes, a artista viguesa Constance Hurlé dinamiza unhas jam sessions poéticas na Sala Kominsky, con artistas de toda Galicia. A medio camiño entre o teatral e o lírico, estas sesións contan cunha apertura por parte dun poeta convidado, seguida dun micro aberto onde as persoas asistentes poden subir ao escenario para ler  textos propios, improvisar e xogar coas palabras.

Este 31 de xullo, o poeta cariñés Paulo Maestro e a propia Hurlé, presentan o espectáculo de poesía escénica Volátil; unha proposta híbrida en que performance, poesía e música camiñan da man. Desde a organización avísannos: «Desfrutaredes da conexión entre dous amigos que viven por e para a arte. Constance Hurlé e Paulo Maestro levan as conciencias a gozar dun intre que, aínda que sexa efémero, perdurará na memoria». A base das metáforas, aliteracións e hipérboles a resoar entre as paredes da sala; acompañadas, por suposto, dunha copa. É cousa segura que este plan resulta refrescante no verán vigués.

Como din no número tres da rúa dos Irmandiños: «pode haber baile, charla, concerto, kombucha, recital, terraza, vermú, whisky… pero sempre estamos».

The following two tabs change content below.

Ernesto Is

É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.