VIALIA
PLAYDOC

Ledicia Costas, Fillas de Cassandra e a sala Kominsky reciben os primeiros Premios A Movida

Con motivo do quinto aniversario, celebramos a primeira edición dos Premios A Movida á cultura viguesa. A escritora Ledicia Costas, o dúo musical Fillas de Cassandra e a sala de Churruca Kominsky son tres das premiadas, o cuarto galardón decídeo o público a través da conta de Instagram de @amovidavigo.

Este venres 13 de outubro, na festa de 5º aniversario da revista A Movida na Sede do RC Celta, en Príncipe terá lugar o acto de entrega da primeira edición dos Premios A Movida que teñen por obxectivo valorar ás persoas e empresas que traballan na cultura viguesa. Os premios teñen catro categorías, na primeira delas prémiase a un creador ou creadora vigués pola súa traxectoria. Nesta ocasión o galardón recae na escritora Ledicia Costas, Premio Nacional Literatura Infantil e Xuvenil en 2015 con Escarlatina, a cociñeira defunta. Costas é unha das nosas autoras máis prolíferas e queridas polo público. Na segunda categoría prémiase a un novo proxecto cultural, que neste caso recollen Fillas de Cassandra. O dúo formado por Sara Faro e María Soa é sen dúbida o fenómeno musical galego deste ano. En febreiro publicaron o primeiro disco ‘Acrópole’, co que non pararon de xirar desde entón por salas, festas e festivais de todo o país. A sala Kominsky é a premiada na categoría de negocio vigués que apoia a cultura. Desde a súa creación en 2018, a sala de Churruca programa cada semana todo tipo de música e espectáculos dando sempre espazo a escena local.

Co cuarto galardón premiamos ao talento vigués a través da sección ‘As túas movidas’ da revista en papel. Cada mes, co apoio da Universidade de Vigo, publicamos esta sección aberta á participación dos lectores e lectoras, que poden enviar ilustración, debuxo, fotografía, texto, colaxe etc. Entre todas as creacións publicadas neste tempo o equipo d’A Movida seleccionamos nove finalistas que publicadas na conta de Instagram @amovidavigo, para cos vosos votos escollades o gañador. Aquela publicación que o martes 10 ás 12 da noite teña máis ‘likes’ será a que recolla o premio na gala do próximo venres.

REVISTA MAIO

Revista especial nº 50

No evento do venres 13 tamén presentaremos unha revista especial, o número 50. No 2021, propuxemos a dez escritores ligados a Vigo a angueira de confeccionar unha ficción colectiva ambientada nesta cidade. Ledicia Costas iniciou un relato cuxo ronsel foron seguindo, capítulo a capítulo, Pedro Feijoo, María Reimóndez, Domingo Villar, María Xosé Porteiro, Marcos Calveiro, Francisco Castro, Manuel Esteban, Rexina Vega e Inma López Silva. A historia foise sucedendo nas páxinas da revista A Movida entre maio de 2021 e abril de 2022. Agora, co apoio da Deputación de Pontevedra, publícase este número especial no que por fin recóllense eses dez relatos de forma conxunta acompañados das ilustracións da tamén viguesa Bea Gregores.

A festa de aniversario conducida pola actriz Bea Campos arrancará o venres ás 19:00 h e acollerá unha performance de poesía a cargo de Silvia Penas e Pompa&Boato, o concerto de Sanny acompañada da banda e a música da DJ Beatriz Fernandes entre outras sorpresas. A festa é de acceso libre e prolongarase ata as 23:00 h.